Sinopse
Os “dedos do Demo” (Clathrus archeri) é un fungo raro orixinario dos nosos antípodas que chegou a Europa durante a I Guerra Mundial, nas botas dos soldados australianos. O seu aspecto inquietante valeulle o nome e o seu cheiro nauseabundo -a carne en descomposición-, agoira a súa presenza. Deste primeiro achado parte unha breve ascensión da liña que une a Fonte de San Roque de Eirixado, a Fervenza de Naraío e o Vértice Xeodésico de Racamonde. Un trazado fondo desta terra, do que agroman enerxías que non son neutras. Avanzar polo telúrico San Sadurniño enfrontando un espello ao visible, devolvéndolle á luz e á sombra aquilo que proxectan, semella, máis que un camiño, un rego de arado inmaterial. Espreitar así é abrir a Terra e deixar ao descuberto o Mal e o Ben que contén, e, deste xeito, reflexionar sobre a súa natureza e o noso papel nela, poñendo de manifesto que a súa simple observación pode ensinarnos a tomar partido
Cociña da peza
Nela Fraga decidiu participar na Chanfainalab como unha cineasta exploradora, na procura de tesouros nun territorio descoñecido. O seu soporte de gravación ía a ser o cinema, pero os cartuchos de Super 8 de Kodak levaban consigo unha falla de fábrica no arrastre da película. Cando filmas, non podes saber se a película está correndo no tomavistas ou non: son os cartuchos de Schrödinger. Porén, coñecendo ese condicionante, Nela veuse arriba: “En realidade, a peza parte da sinxela aspiración de chegar aos cabalos do Forgoselo, cun tomavistas na man e un espello na outra, sen expectativas máis altas. Dese punto de partida lúdico e falto de control como a vida mesma, entran en xogo o citado factor e outros inherentes á alquimia do celuloide. Comezo a rodaxe sen poder saber o que está saíndo e o que non. Por exemplo, non quixeron saír o Castelo de Naraío, nin longas tomas con cabaliños azuis do demo na Fervenza de Naraío. Si quixeron saír : os dedos do demo, as augas da Fonte de San Roque (a quen axudamos no seu labor sacro levándolle o can que lle faltaba) e os cabalos do Forgoselo. Estes últimos, ata onde quixeron, pois a filmación rematou así: coa manda toda de cabalos salvaxes formando ante min, aceptándome logo de dúas horas entre eles, achegándose a un palmo de distancia nun momento máxico no que a película decidiu acabarse. Quedei alí sentada, co corazón disparado, sen poder moverme para cambiar de cartucho e sen saber se aquel momento de intimidade co salvaxe e puro, quedara retratado. Para rematar estes agasallos da alquimia: o revelado artesanal, realizado coa axuda de Tono Mejuto e Ángel Rueda trouxo consigo fantasías coloridas que reflectiron o misticismo dese momento".
"Dedos do demo, ollos de cabalo "é unha peza que zumega experimentación e vida por todos os poros do encadre e convive armónicamente co resto das pezas da presente edición. O importante dela non é o contido, senón o xeito aleatorio, caprichoso e vitalista no proceso de se construír: "O resultado final, unha vez revelado, pon de manifesto que as imaxes tiveron vontade de seu. Esa forza que guiou a miña man a través do espello decidiu que se ve e que non se ve. Dela xurdiron esas solarizacións que fan a película saltar do positivo ao negativo e viceversa, como as dúas caras dunha mesma realidade: a mística e a terreal; polarizando a luz e a sombra, como o Mal confronta o Ben, simbolizado neses “dedos do demo” en contraste coa bondade máxima do reino animal: aquela que se concentra nos ollos dun cabalo. Tendo vida propia estas imaxes, só restou o labor de darlles voz a través dun traballo de posprodución de son que reflectise esta revelación tan espiritual da que só fun un medio". En definitiva, unha peza singular e luminosa, case máxica, unha festa para os ollos que prestixia o catálogo da Chanfainalab. Nela Fraga expresa a perfección o significado da "ledicia de filmar".
Equipo
Dirección
Galería
