Biografía
Samuel Martín Delgado e Helena Girón licenciáronse en Comunicación Audiovisual e ambos realizaron varios Masters e actividades formativas. Helena e Samuel centran o seu traballo creativo entre o cine documental e o experimental, empregando materiais físicos e procesos fotoquímicos. Se a nivel formal camiñan por vieiros fronteirizos entre a non-ficción e a experimentación, tematicamente interésanlle a relación entre mitoloxía e materialismo, o patrimonio inmaterial, a memoria e a historia. Ambos teñen participado en numerosos foros e mostras especializadas. A súa peza “Sin Dios ni Santa María” (2015), tivo un amplo percorrido por festivais internacionais como o Toronto International Film Festival, o New York Film Festival, Mar del Plata, Curtas Vila do Conde, Ann Arbor, Media City Film Festival ou o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, entre outros. Tamén “Montañas ardientes que vomitan fuego” (2016) e “Plus Ultra” (2017) acadaron resonancia internacional nos circuítos do cinema experimental de todo o mundo. Actualmente están a rematar a súa primeira longametraxe "Eles transportan a morte".
