Sinopse
A casa convídanos a entrar na casa de Regina Cinza e Javier Íñiguez e a coñecer algunhas das súas memorias. É unha viaxe por momentos relevantes das súas vidas, polas lembranzas familiares, por un pasado ao servizo de causas. A casa é o teito que alberga todas esas memorias
Cociña da peza
Carlos e mais o tamén cineasta Miguel Arieira achegáronse a San Sadurniño na procura dunha teima que agroma en gran parte das obras audiovisuais de Carlos, a memoria humana; como il mesmo subliña: "À medida que os anos van pasando, a memoria, as nosas memorias, van tendo unha importancia cada vez maior. Crúzanse, estabelecen ligazóns, sediméntanse, transfórmanse naquilo que hoxe somos. Algunhas desas memorias teñen unha pegada física, que pode ser unha fotografía, un obxecto do cotián, unha peza de mobiliario, un recuncho da casa... Dise xeito a casa, a nosa casa, vaise transformando no almacén das nosas memorias".. E nesta ocasión, o azar da Chafainalab levounos ata a casa familiar de Regina Cinza, xa coñecida polos lectores de Fálame e o seu home Javier, onde topou complicidade, agarimo e disposición para gravar o devalar da memoria familiar. A casa como entorno vital, narrada a través de obxectos con capacidade de evocación durante os dous días escasos de estadía que artella a Chanfainalab.
Así pois, a cámara de Miguel e Carlos pescuda pola “A Casa/memoria”, acariñando espazos, obxectos e lembranzas. A composición e posta en escea é clásica, moito respectuosa, enxergándonos coas persoas e obxectos da memoria filmada, ao servizo dos sentimentos que agroman das historias de Regina e Javier. O seu é un fogar de memoria que honra aos seus maiores a través de obxectos que utilizaron e sentiron como seus e que aínda viven na casa a pesares de que xa non estén vivos. A curtametraxe invítanos á reflexión pola coidada factura formal e ritmo pausado do retrato dun espazo vital a través do tempo: " a cámara invade a privacidade do lar e deíxase conducir polas persoas filmadas, procurando coñecelas a través do seu pasado. É unha viaxe moi curta, apenas algunhas horas de gravación, para lembrar un pasado que tamén é presente". Vemos a través dos obxectos amados como pinturas, fotografías, documentos e pezas varias que forman parte indisolúbel da vida dos protagonistas, mais tamén da historia contemporánea local. Porque os espectadores tamén podemos viaxar a través de Regina e Javier para lembrármonos feitos significantes da historia recente de San Sadurniño acontecidos nos difíciles tempos da transición (1970-1980), entre eles a pegada do párroco de San Sadurniño Ramón Díaz Raña, o nacemento do grupo musical Saraibas, o agromar da revista local Pumariño, os comezos da mítica xeira do Festival de música infantil Cantareliña, as actividades da Asociación Donas e Galáns ou a tradicional Noite das Pepitas de Ferrol.
Desfrutemos pois da “A Casa” como unha viaxe non só pola memoria familiar, senón como un percorrido pola propia historia da veciñanza de San Sadurniño; cómo simples obxectos dunha casa teñen a capacidade de evocar tempos e vivencias de todo un pobo.
Equipo
Dirección
Música
Saraibas
Galería
