Sinopse
Documental colaborativo no que cinco veciños de San Sadurniño indican qué espazos naturais ou artificiais son representativos da súa vila. Estes lugares son escollidos seguindo criterios persoais e subxectivos, polo que estamos ante uns espazos producidos socialmente e significados mediante relacións persoais e comunitarias.
Cociña da peza
Gonzalo E. Veloso chegou a San Sadurniño cun punto de partida moi xeral: botar un fío pola intrahistoria do concello: "Levo un tempo interesado no traballo coa natureza e o territorio. O xeito convencional de ver un entorno natural é converténdoo en paisaxe, o cal limita moito o coñecemento do lugar. A paisaxe tan so é unha construción da nosa mirada: non é o territorio en si. Por iso, aínda que me interesa tamén o modo de mirar, busco un xeito máis participativo de achegarme a un lugar descoñecido. Cando fun invitado á Chanfaina, pensei que sería unha moi boa oportunidade para investigar nesta liña.
Así pois, no canto de chegar, plantar a cámara e filmar o que lle parecera máis ou menos fermoso e interesante, Gonzalo procurou xente que lle contara cáles eran os lugares máis amados da súa parroquia, lugares que tiveran especial valor emocional por ter vivido algo importante nas súas propias vidas ou lugares polos que sentiran especial vocación. O cineasta substituíu a súa propia mirada pola dos protagonistas do filme, convertendo unhas paisaxes aparentemente banais en espazos sociais, espazos onde hai relacións persoais ou historias vividas das persoas que os habitan. Dise xeito, as vivencias individuais chegan a constituírense en paisaxe social cun sentido relevante para toda a comunidade. Carmiña, Tony, Jorge, Vicente, Icia, Jaime e Adrián convértense así nos verdadeiros protagonistas dun relato de historia, espazo e tempo.
Equipo
Galería
