Sinopse
A lenda do "Pozo dos Donceis" é unha lenda popular de San Sadurniño, transcrita polo profesor e académico José Leyra. Na lenda fálase dun pozo acougado no río Xuvia, onde nas noites de luar aparece unha Fada, de “beleza resplandecente”, pronunciando con doce voz unhas verbas cheas de musicalidade, ao mesmo tempo abríase unha porta dourada por riba das augas, amosando un Castelo endexamais visto nin ouvido. Un mozo estudante de humanidades no Convento, logra o permiso do Prior e da comunidade para asolagarse no pozo, mais será “seducido pola FADA”, que o leva a inmolarse na procura do desexo da felicidade."
Cociña da peza
O veciño de San Sadurniño, Vitucho, foi quen tivo a idea da curta, ademais de ser capaz de enlear a un fato de veteranos artistas coruñeses na produción dunha peza na súa patria da infancia. No grupo -ademais de X.M. Rabón, o director- hai grandes fotógrafos (Xosé Castro “Pepucho”), artistas de renome como Carlos Vázquez ou Fran Otero ou políticos como Xoán Gato. O grupo agasallou ao Concello cun cadro alegórico pintado por Carlos Vázquez do tempo que botaron en San Sadurniño filmando a súa peza. "Diante da imposibilidade de situar a acción no seu contexto histórico, optamos por una elipse narrativa, un prólogo, no que un rapaz que visita San Sadurniño atopa na igrexa do Convento do Rosario o manuscrito que narra a Lenda do Pozo dos Donceis. Mentres a vai lendo, vive en primeira persoa a historia, loxicamente nos espazos e coas persoas que foi coñecendo na súa visita polo pobo. Todo, lugares e persoas, transfórmanse, no seu maxín, en protagonistas da historia. A concepción da peza precisaba dun tratamento cerimonial, xa que as personaxes protagonistas deveñen dunha vivencia *monacal*. Esta condición determinaba unha acción deliberadamente alongada no “tempo e o espazo”, acudindo á utilización dunha narrativa clásica, por unha banda; pola outra, a un prantexamento que remite ao discurso dramatúrxico típico do *Teatro Kabuki*, é dicir: a música determina o tempo e o ritmo da acción, mentres o narrador conta e matiza a historia segundo está a suceder".
"A lenda do pozo dos donceis" é un bo exemplo de que hai que poñerlle ilusión e ganas para producir obras cobizosas con vontade de permanecer no tempo. O equipo encabezado por Xosé Manuel Rabón e Vitucho, sérvenos unha luxosa recreación do mito que rodea ese enclave misterioso do Xuvia, cunha requintada posta en escena onde ficción e realidade manteñen o equilibrio preciso: "Para nós é unha peza que poderíamos denominar dramática, xa que ten as características propias do drama clásico grego: unha tensión narrativa que leva ao protagonista a unha conclusión tráxica. Debido á súa narrativa, pode resultar unha curta densa no seu visionado, máis pretendendo que a historia chegue nítida en toda a súa dimensión formal". Para a organización da Chanfainalab foi un verdadeiro luxo e un orgullo contar con este equipo de veteranos que iluminan o noso patrimonio inmaterial con superpoducións tan acaídas e ben resoltas. Agardamos que na vindeira edición sigan a crear novas historias que fagan medrar o imaxinario de San Sadurniño.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Cámara
- Xosé Castro
- Dirección de arte
- Francisco Otero
- Produción, Axudante dirección
- Víctor Rico
- Realización
- Xosé M. Rabón
Reparto
Música
Anacos da ópera "Cavalleria Rusticana" de Pietro Mascagni
Galería
