Sinopse
Unha radio que quere soar, un home que se agocha. Un día normal entre os penedos dun monte para lembrar os sons que acubillaron a quen tivo que buscar unha casa a ceo aberto
Cociña da peza
Como é de prever polo nome do colectivo, @s moz@s de "Memoria e Cinema" tentaron procurar un ronsel ou fío que permitira viaxar no tempo no territorio de Sansa e para iso foi precisa unha actitude de escoita activa que detectase os ecos do pasado e a memoria da paisaxe: "As ideas que nos levaron ao tema orixináronse despois de coñecer a formación das rochas do Forgoselo a cargo do xeólogo Fran Canosa. Decatabámonos que a paisaxe do noso redor fora construída ao longo de millóns de anos e imaxinamos as millóns de historias que puideron vivir aqueles penedos en tanto tempo. Pensamos en como esas mesmas pedras e esas mesmas árbores podían ser lugares hostís e lugares de refuxio en función do momento e da persoa, e pensamos en como sería a vida no monte de alguén que se vise na obriga de fuxir, de deixar atrás a súa casa e de facer do que antes era só paisaxe un fogar forzado. Segundo fomos pensando todo isto, aprendemos tamén que esas mesmas pedras fixeran as veces de soportes para antenas de radio pobres e improvisadas que axudaban a manter un fío feble de contacto coa vida previa e, polo tanto, cunha esperanza que minguaba. Logo contáronos a historia dun home que facía no monte unha radio "cunhas pedras e uns arames" para poder escoitar unha emisora clandestina. A partir desta vivencia concreta recreamos a historia dunha persoa fuxida nos montes de Naraío ou Igrexafeita".
Canción 37 é unha curtametraxe de ficción histórica ambientada naqueles días incertos e convulsos da represión de 1936 ou a inmediata posguerra, nos anos corenta, cando o Forgoselo era lugar de refuxio da "IV Agrupación guerrilleira". Os cineastas da memoria botaron man de recursos documentais e un compendio de elementos cos que quixeron experimentar a partir de texturas e a presenza ou ausencia da imaxe e do son: Os audios proceden do Fondo Sonoro do Partido Comunista de España. A nosa peza, como todo o que facemos, non ten máis intención que poñer unha serie de emocións enriba da mesa e buscar a empatía de quen mire e escoite a través de recursos variados. A nosa curta foi transformándose desde o primeiro ata o último día: vimos caer moitas das intencións que tiñamos ao comezo e deixamos agromar outras novas. Pero iso parécenos moi ben, así é como funcionan as historias". Dende a organización da Chanfainalab e tamén como militantes da memoria, agradecemos que este fato de moz@s lembrasen aqueles días escuros e tráxicos, co eco dese miliciano que sobrevive na Serra do Forgoselo. Era un tema inédito no noso catálogo e aínda que se trate dunha ficción, ben podería ser un documental. Ese e o milagre do cinema da memoria, porque contribúe poderosamente a construír a historia de nós.
Equipo
Dirección
Galería
