Sinopse
As paraxes de Igrexafeita agochan tras de sí os misterios dunha antiga receita, humilde na súa orixe, grandiosa no seu resultado.
Cociña da peza
Marcos Nine é un cineasta único e inclasificábel, gañador de numerosos premios, tanto nos "Mestre Mateo" como en festivais de vangarda, sempre da cabalo entre a produción industrial e a mais arriscada experimentación audiovisual. Marcos Nine nunca defrauda nin deixa indiferente a quen se achegue á calquera das súas pezas, marcadas por un punto de vista moi persoal e cunha envoltura formal impecábel. Así o fai na grandiosa "Chanfaina" que condensa á perfección o que se pretendía co proxecto da Chanfaina' Lab: un saboroso prato a base de moitos e diversos ingredientes.
San Sadurniño é un lugar de pasado señorial, de nobreza e terratenentes, mais tamén de xente humilde e traballadora. Xente que noutrora elaborou un prato con refugallos do porco. Aquel pasado señorial e de nobres esmoreceu e apenas quedan os seus vestixios presidindo a paisaxe. Para Marcos, "Chanfaina" é o que poderíamos chamar un "filme-receita" que quizais garda entre as imaxes algo máis do que a simple vista estas revelan. Nembargantes, existe algo que perdura cos anos, e é aquel prato elaborado cos refugallos do porco. Esto ven a dicirnos que, tal vez a grandeza non se atopa no poder, nin no diñeiro, nin nas terras, está noutra parte. Está nas pequenas cousas que son capaces de resistir ó tempo".
A maxestuosa música de Mahler, a montaxe paralela de dúas liñas do tempo cos xeitos vellos e novos de preparar o prato, os planos detalle que debullan polo miúdo a receita, ata a secuencia final, onde vemos aos compañeir@s cineastas dar conta do substancioso embutido preparado por Ana Lamas, convirten a "Chanfaina" de Marcos Nine, non só nunha exaltación da gastronomía local, mais tamén nunha metáfora do proceso de creación audiovisual. Asemade é o retrato simbólico dunha experiencia que animou a vinte cineastas galeg@s a compartir xenerosamente o seu talento para crear estas humildes pezas, mais todas xuntas conforman un prato exquisito que podes saborear aquí cando queiras.