Sinopse
Pilar e Rosa comparten as súas biografías do tacto
Cociña da peza
Andrea achegouse a Chanfainalab seguindo o ronsel das teimas e historias que lle interesan como cineasta dende hai tempo: "dende a preparación da miña película “Imatra”, hai tres anos, comecei a investigar sobre o tacto desde a perspectiva da antropoloxía social e dos estudos afectivos. Nese proceso pareceume especialmente relevante o concepto de “biografías do tacto”, tema central na obra da antropóloga Taina Kinnunen (de Finlandia, país co que manteño un vínculo persoal e profesional dende 2006): relatos persoais nos que as persoas narran como experimentaron o tacto ao longo das súas vidas e como foron socializadas arredor del. Estas biografías permiten analizar como as prácticas e percepcións do contacto físico se configuran historicamente a través de distintas formas de socialización, ideais de crianza, normas culturais, condicións materiais e eventos colectivos traumáticos, transmitindo de xeración en xeración as marcas dun mundo que aínda persiste na nosa maneira de tocar e ser tocados. Ao recibir a invitación para participar no Chanfaina Lab vin a oportunidade de recompilar unha ou varias destas biografías do tacto entre os seus habitantes. Interesábame especialmente que algunha desas persoas tivese unha profesión vinculada co tacto. Estas profesións non só implican a aplicación física do tacto, senón que tamén están profundamente entrelazadas coas emocións e coas experiencias afectivas de quen as recibe. Tamén me interesaba que estas mulleres fosen nais, e que cando menos unha delas fose de idade avanzada".
"Danza propia" é unha curtametraxe de complicada execución, porque precisa da localización e colaboración activa de mulleres dispostas a abrirse ao universo singular que procuraba a cineasta viguesa: "o equipo de casting da Chanfainalab presentoume a Pilar Rodríguez, reflexóloga, e a Rosa Carballo, avoa dun dos membros da organización; ambas, mulleres dunha tenacidade e impulso vital excepcional. A súa honestidade e lucidez deron forma a esta peza, coa que falar do material humano, da familia e do ancestral. Pola miña banda, estou fondamente agradecida a todas as persoas que colaboraron nesta curta e ás que a acompañaron en todo o proceso". Unha extraordinaria peza -case unha delicatessen- ateigada de sensibilidade e tenrura, onde as texturas do afecto e a verdade percíbense en cada un dos fotogramas, tanto no uso de metáforas visuais, como na pel e os ollos das súas marabillosas protagonistas.
Equipo
Dirección
Música
Vals triste" de Franz von Vecsey
Galería
