Sinopse
O ser humano. A cámara. O corpo. A máquina. A faciana. O rexistro. A expresión. A exploración
Cociña da peza
Alberto e Oskar achegáronse á Chanfainalab coa cámara de cine en 16mm, acompañados tan só da vontade exploradora na paisaxe humana de San Sadurniño. A procura levounos ata cinco xeracións de mulleres da mesma familia: avoa, filla, neta, bisneta e Sophía, a cativa tataraneta: "Sempre é difícil falar sobre cómo chegan a nós as ideas, máis intentarei explicarme. Levaba dende hai anos querendo usar os primeiros planos dunha maneira distinta ao habitual no cinema -probablemente por influencia da pintura e porque en Paisaxes da Capelada” só traballei con planos xerais-, mais tamén quería aproveitar a variable temporal, que tan importante é no cinema, para provocar cambios na percepción do espectador conforme se prolongan os planos. Salientaría como principais influencias a Rembramdt, Virxilio Viéitez e os “Screen-test” (probas de cámara) de Andy Warhol. Para min era importante que os meus protagonistas fosen de distintas xeracións para xogar tamén con esa variable temporal (o tempo dos planos, pero tamén o tempo da vida). Despois de deixar repousar o proxecto, e moi probablemente debido á miña inminente paternidade, vin que o gran potencial estaba en gravar a unha mesma familia, para inscribir tamén na curtametraxe a variable da vida, unha unidade superior á suma das partes."
En"Estudo para rostro humano" Alberto Lobelle tenta expresar cómo o cinema pode chegar a debullar no inaprensíbel, no imperceptíbel, en algo tan etéreo como o devalar do tempo a través do rostro humano. "A miña idea principal era falar do paso do tempo e de cómo a vida vainos moldeando por dentro e por fóra; de aí que filme a cinco xeracións dunha mesma familia -¿funcionaría como filmar á mesma persoa a distintas idades?-. Era fundamental amosar esas sutilezas e eses pequenos detalles nos trazos, nas expresións; por iso traballamos con primeiros planos a cámara lenta; ademais, ensinamos o dispositivo de gravación porque nos parecía importante pór de manifesto cómo se interfire no entorno cando se grava e cómo as persoas que están detrás da cámara determinan o punto de vista de calquera obra audiovisual." Os rostros destas cinco mulleres de Naraío e mailos seus xestos naturais son o único que enche a pantalla, pero tamén agroma o que suxiren as súas miradas. Partimos da inocencia infantil, pasamos logo á vitalidade da aínda mocidade e, despois, a medida que a cámara remonta as tres últimas xeracións, vemos como os ollares se tinguen de experiencia e sabedoría. Unha apaixonante viaxe polo ciclo permanente da vida humana.
Equipo
Dirección
Galería
