Sinopse
Documental sobre o proceso da elaboración de pan nun forno de casa labrega, segundo os métodos tradicionais
Cociña da peza
Nesta edición, Abel tivo tempo para cavilar sobre o tema do seu filme. Despois de gravar varias videocartografías dos muíños do seu entorno, pareceulle natural continuar o proceso da fariña moída ata o seu seguinte fito: a fabricación do pan en forno de leña. Abel pensa que a civilización moderna está botando a perder unha das costumes mais enxebres do campo galego: a elaboración do pan en fornos de casa. "É unha tradición que había e que desgraciadamente estase a perder. Antes aquí, en Igrexafeita, cocíase en todas as familias. Eu construín un forno na miña casa e gravei o vídeo para que quede o recordo de cómo se facía. Todo canto se ve é o proceso sinxelo e natural , tal como o fago, con imaxes e procesos auténticos, sen fantasía algunha, como me gustan a min as películas. Non hai moito máis que explicar: vese o proceso de preparación do forno, a elaboración das masas, o afornado, etc, para que as novas xeracións tomen conciencia do traballo que hai detrás de cada fogaza ou bolo de pan"
"Mañá cocemos" é un documental de corte clásico que pretende amosar o traballiño que supón a produción caseira de pan para consumo familiar. Coa cámara de Abel percorremos o seu ciclo completo, dende a limpeza e preparación do forno ata o apetitoso resultado final. Unha actividade humana nacida hai miles de anos, fundamental na economía e vida cotiá das familias labregas de sempre, mais que hoxe resulta case imposible coñecer de preto. Mágoa que o vídeo aínda non incorpore o sentido do olfacto para ulir o arrecendo marabilloso a pan recén feito que sae do forno de Abel. De interese especial para todos aqueles que non coñecen este proceso. "Pensei en facer este vídeo porque a xente nova coida que ao mellor o pan sae dándolle au botón e descoñece os traballiños e tarefas que leva a elaboración dunha simple peza de pan", afirma este veciño bo e xeneroso, comprometido coa memoria e transmisión dun xeito de vida que esmorece pouco a pouco. Reflectir a autenticidade, este é o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar na Chanfainalab ata que o corpo aguante.
Abel contra a “maría”
Equipo
Dirección
Galería
