Sinopse
Nunha pequena vila de Galicia existe unha Horta singular na que crecen múltiples variedades autóctonas de árbores froiteiras. Con esta singular arca de Noé dos sabores, os veciños de San Sadurniño transmiten de xeración en xeración a memoria da súa propia terra.
Cociña da peza
O punto de partida de "O tempo da mazá" foi un vídeo de Carlos Fornos no que evocaba o sabor das mazás da súa infancia: "Aquelas descricións trouxeron á miña memoria as incursións que de pequeno eu facía na horta dos meus avós: ano tras ano, das mans da miña avoa, ía descubrindo e desfrutanto dos sabores característicos das cereixas, pexegos, peras e mazás da Terra Chá lucense. A utilización de material e técnicas analóxicas artesanais no proceso de realización da curtametraxe responde a unha intención de achegar os traballos da imaxe aos traballos da horta. Así a rodaxe en negativo cinematográfico foi a miña plantación da semente. O revelado manual, a auga, o sol e o abono. As tesoiras utilizadas na montaxe e edición aseméllanse moito ás empregadas na poda. E por último, a proxección, ese momento no que recollemos o froito do traballo e degustamos a calidade dos seus sabores".
Así pois preparémonos para recuperar o ancestral sabor da mazá a través do gusto de seis mulleres de distintas idades e sensibilidades, mais o filme non é só iso, a conservación das tradicións, o coidado das raíces, a posta en valor dunha agricultura sustentable e a importancia da transmisión de coñecementos entre xeracións son tamén sensacións e ideas que agroman polo sabor dunha humilde mazá.
Equipo
Dirección
