Sinopse
Como facer para que un lugar non che resulte estraño nin indiferente?
Cociña da peza
Diana achegouse a San Sadurniño sen un obxectivo definido, como unha creadora perdida, na procura de inspiración nun espazo alleo e distante do seu medio "natural", o universo transfonteirizo:"O punto de partida é a aproximación a un lugar que descoñezo. Intuitivamente busco elementos familiares para superar esa sensación de estrañamento, que me xera certa incomodidade. Ao mesmo tempo, por razóns prácticas, preciso dun punto de partida para empezar a elaborar una historia. Un fío do que tirar. Unha cuestión intuitiva e de necesidade. Vou na procura de algo que resoe en min e que teña que ver co lugar. Escoito falar duns portugueses que foron traballar a San Sadurniño, é a primeira resonancia. Sigo investigando en "Fálame de San Sadurniño" e ao ver a foto do palco de música de Ferreira, sinto a segunda resonancia. Xa teño un espazo e uns protagonistas para comezar a construír. E nese exercicio de reconstrución que atravesa a memoria, tento unir o pouco que sei de cada un, teño a tentación de unilos de maneira ficticia, intencionalmente, a través a hipótese verosímil de que puideron ser estes homes os que construíron o palco da música de Ferreira. A cada paso que vou dando, avanzo e ao mesmo tempo encontro novos ocos. Fainos falta a memoria pero tamén a imaxinación. A historiadora Margarita Sánchez lévame ata a descendente dun destes portugueses. Pero faltan documentos, non temos sempre a quen preguntar, recordamos só unha parte. A historia sempre estará incompleta pero o que realmente importa é a busca que sempre trae algunha revelación. Ao final estou máis próxima do lugar do que inicialmente sospeitaba. Esta procura que parte do pasado, lévame a recoñecer unha ferida e a restablecer o meu vínculo coa música. A identidade constrúese a cada momento, así como se vive."
"Resonancias" converteuse nunha fermosa exploración polo universo compartido e descoñecido da Lusofonía en Sansa realizada por unha cineasta da fronteira: "O cinema é vida en perpetuo movemento. É ir ao encontro do outro, de ti mesmo. Resonancias é un exercicio de escoita, de resposta, de transformación desexada. Obrigada a tod@s @s que fixeron algún esforzo creativo, son e sou capaz grazas a eses esforzos que chegaron ata min. E por suposto, aos que sempre están dispostos a compartir." Pois iso, ao final da procura, Diana foi quen de atopar en Sansa o ronsel da súa identidade cultural e, ao tempo, ser fiel a si mesma e a propia memoria persoal. O talento da cineasta luso-galaica foi quen de diluír, mediante resonancias vividas, os 220 km que nos separan da súa patria da infancia.
Equipo
Dirección
Galería
