Sinopse
Unhas árbores, uns animais, luces, cores, espazos...Unha navegación sensorial polas aldeas de San Sadurniño, onde ver é reter-percibir, onde o ollo non está contaminado e goza a través da aventura da percepción. Parafraseando a Stan Brakhage, "Cantas cores hai nun campo de herba para o bebé, que gatea ignorante do "verde"?. Cantos arcosdavella pode crear a luz para o ollo non educado?. Canto conscente das variacións nas ondas de calor por estar ese ollo
Cociña da peza
Adrián non tiña unha idea preconcibida do que ía gravar na Chanfainalab: “A verdade é que non fun con ningunha idea precociñada, eu son máis de abrir a neveira e aproveitar todo o que hai. Un pouco con esa idea fun para San Sadurniño, atoparme co que me chamase a atención e me abraiara. Iso si, tiña en mente facer algo relacionado coa miña anterior peli, en concreto chamábame a atención o mundo dos espantallos, que trato de fotografar sempre que atopo un. E deuse a marabillosa coincidencia que a veciña de Igrexafeita Consuelo Picos, fai uns espantallos estupendos e ben elaborados. Entón desde que atopei ese fío, fun construíndo a navegación por todas as aldeas, rexistrando cousas que me gustaban ou que me facían parar e ollar un bo rato. Sumando a que fixo moi bos días, foron uns días estupendos para descubrir a xeografía de San Sadurniño e así o intentei trasladar na obra, tratando de plasmalo cun ollar diferente, sensorial e abstracto.”
"Rexistros. Xeografía de San Sadurniño" é moi coherente co estilo visual, os referentes e traxectoria artística de Adrián Canoura. Unha peza que se enxerga directamente en clásicos do cinema experimental, ao xeito dos diarios filmados de Jonas Mekas. Principiamos con imaxes da paisaxe de San Sadurniño, mais vémolas como luces, cores e texturas que lembran o impresionismo abstracto de Stan Brakhage. Logo comezamos a percibir pouco a pouco as formas vivas da natureza que agroman como lembranzas borrosas e imprecisas, ao xeito das fotografías de Vari Caramés -artista ao que Adrián admira-. O relato, ao fin, condúcenos á recuperación dun artefacto da cultura rural e a memoria popular, o espantallo: "Gosto dos creadores que traballan con elementos do común pero cunha mirada moi particular, moi de navegar a través das imaxes, de deixarse levar sen procurar unha narración nin unha trama en concreto, como se admiraramos un cadro ou unha poesía. E ese camiño é o que creo que pode atopar o espectador, ante todo que non busque un sentido narrativo clásico, senón que desfrute e acepte esas abstraccións como un desenvolvemento máis profundo que as palabras". Así pois, o noso consello para comprender mellor a peza de Adrián é deixarse levar como si estivésemos diante dun poema escrito coa luz, ata suspender o pensamento racional. En realidade a viaxe que nos propón o cineasta lugués é metafísica , unha ollada á nosa paisaxe, mais que non semella real porque nos transporta a un lugar abstracto que só é unha ilusión, un lugar que só existe no ollo e a mente do creador, como o espazo no que viven os soños e as lembranzas
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Equipo
- Consuelo Picos
Galería
