Sinopse
SanSa pretende reflectir a vida en San Sadurniño ao longo dos tres días da Chanfainalab, dende as paisaxes, o patrimonio, a historia e a economía das súas sete parroquias até algunhas actividades realizadas na fin de semana como a Festa do San Pipote en Bardaos e a ruta cabalar da Asociación dos cabaleiros de Santa Mariña do Monte. Pretende amosar como é o dia a día do concello, así como a natureza e a realidade das xentes que alí habitan
Cociña da peza
Manuel chegou á Chanfaina cunha idea aproximada do que ía a facer: unha exhaustiva ollada documental ao concello dende o punto de vista de alguén que descoñece por enteiro a realidade de San Sadurniño. "Nun principio non vía o territorio de maneira distinta a como se pode ver calquera concello de interior, dos que non teñen mar. Mais en ningún momento imaxinei o que pouco a pouco acabei vendo e xustamente é o que intento amosar na miña peza. Nunca pensei que apostase tanto polo cabalo; tamén chamoume a atención as froiteiras autóctonas e o arboreto, a deusa Navia, os roteiros pola natureza ateigadas de fervenzas fermosas e a inmensa riqueza patrimonial e histórica. De feito, o que máis limitou o meu traballo foi a escasa duración da peza. Foime moi difícil condensar en 5 minutos a riqueza humana e paisaxística de San Sadurniño. Pola miña banda eu fun adaptando o meu guión inicial aos acontecementos e lugares que fun descubrindo no proceso."
"SanSa" é una peza que bebe na tradición clásica dos documentais que pretenden ensinar o universo dun territorio con empatía e xenerosidade, onde se mestura o patrimonio material e inmaterial e o devalar dos seus habitantes: "quizais tentei achegar demasiada información en cinco minutos, de xeito que, pola miña banda, invito a visionala unha segunda vez. Sen dubida outra persoa coas mesmas imaxes faría outro traballo distinto, pero iso e o bo da arte -e da Chanfainalab que favorece a tolerancia- coa combinación das mesmas notas acádanse resultados diferentes e ningún deles ten que ser bo ou malo, simplemente como con todo gustará ou non gustará. Eu quedei moi satisfeito dalgunhas secuencias como as imaxes dos cabalos e da ruta cabalar, entre o ceo coas nubes dándolle ese toque de película do oeste, quizais non cheguei a conseguilo mais as trazas están, son pequenos detalles inapreciables a primeira vista, pero aí están". Pois isto é o que terán que descubrir as persoas espectadoras, invitadas a somerxerse nun océano de imaxes que converten a SanSa nun universo por descubrir
Equipo
Dirección
Galería
