Ir ao contido principal

Premio Bernardino de Lamas

Un premio honorífico que celebra a mirada libre, a memoria e o cinema feito por amor. Hai historias que non nacen na industria nin nos focos, senón nos camiños, nas conversas e nos pequenos momentos da vida cotiá. O Premio Bernardino de Lamas recoñece esa outra forma de mirar: íntima, honesta e afastada das convencións. Un galardón que, desde o Chanfaina Lab, reivindica a creación audiovisual como un acto de liberdade.

premio Bernardino horizontal
Logo do Premio Bernardino de Lamas.


A ORIXE DUN NOME

Bernardino de Lamas non existiu… ou, polo menos, non como tal.

Detrás deste nome agóchase Alfonso Piñón Teixido (Ferrol, 1887 - Madrid, 1973), xornalista, escritor e pensador galeguista que empregou múltiples pseudónimos ao longo da súa vida. Entre eles, Bernardino de Lamas converteuse nun dos máis singulares.

Bernardino de Lamas
Alfonso Piñón, coñecido como Bernardino de Lamas.

QUEN ERA BERNARDINO DE LAMAS

Bernardino de Lamas é un dos nomes baixo os que Alfonso Piñón Teixido publicou máis de trescentos artigos no diario El Correo Gallego entre 1924 e 1936. Baixo este e outros pseudónimos, como Luís de Narahío, desenvolveu unha voz propia dentro do galeguismo, sempre conectada co territorio e coa vida cotiá.

Unha vida en movemento

Foi escritor galeguista, andarengo incansable, vexetariano e fondamente comprometido coa natureza. Percorreu corredoiras e congostras esquecidas de Ferrolterra, descubrindo sendeiros ocultos e converténdose nun auténtico filósofo do camiñar, un verdadeiro homo viator.

Impulsou iniciativas como o Monumento ao Camiñante Descoñecido en Fene e o Monte dos Poetas de Brión, proxectos que evidencian a súa vontade de dignificar o territorio e a experiencia de habitalo.

Pode ser considerado un precursor dunha sensibilidade ecolóxica contemporánea. Defensor das belezas paisaxísticas de Galicia e divulgador do esperanto, procurou sempre ser útil á sociedade, aínda que desde unha posición discreta, na retagarda de iniciativas culturais nun contexto histórico complexo previo á Guerra Civil.

Esta condición contribuíu a que a súa figura ficase parcialmente eclipsada co paso do tempo.

Unha figura recoñecida no seu tempo

Otero Pedrayo definiuno como “patriota galego, bó e xeneroso”, mentres que o pintor Vicente Díaz o cualificou como un “sembrador único de humorismo y cultura”. A prensa da época destacou a súa figura como “culto galeguista”, “home dinámico por excelencia” ou “gran persoa”.

Tamén os seus compañeiros da bohemia progresista e nacionalista ferrolá, como Felipe Bello, Xaime Quintanilla, Nicolás García Pereira, Vicente Díaz, Alejandro Porto Leis, Matías Usero ou García Niebla, deixaron constancia da súa bonhomía e do seu compromiso con Galicia.

O seu vínculo con San Sadurniño

O seu alcume baséase na súa devoción incondicional polo Val de Lamas, parroquia de San Sadurniño que reivindicará repetidamente en numerosos artigos. Outro dos seus alcumes -Luís de Narahío- tamén está relacionado con San Sadurniño.


O SEU CINEMA

Ademais de escritor e pensador, Bernardino de Lamas foi un pioneiro do cinema afeccionado en Galicia. Entre 1924 e 1935 filmou case trescentas bobinas en formato 9.5 mm, das que se conservan arredor de noventa.

O conxunto destas imaxes supera as sete horas de proxección e atópase actualmente depositado na Filmoteca de Galicia.

Un arquivo da vida cotiá

As súas filmacións constitúen unha viaxe visual por Galicia, especialmente pola contorna de Ferrolterra, incluíndo escenas rodadas en concellos como San Sadurniño e Valdoviño.

Nelas repítense motivos sinxelos: excursións, procesións, romarías, merendas campestres, paseos, conversas, músicas e bailes de persoas que cantan e rin mirando á cámara.

Trátase dun cinema directo, primitivo e aparentemente inxenuo, mais profundamente coherente coa súa forma de entender a vida. Non responde ás convencións da industria, senón a unha necesidade de conservar e revivir.

Como sinala Fernando Redondo, os seus filmes responden sempre a un intento de recuperar, conservar e revivir os momentos felices da existencia.


O NACEMENTO DO PREMIO BERNARDINO DE LAMAS

A historia do cinema foi tradicionalmente contada desde a perspectiva dos profesionais e da industria. Porén, existen outras formas de creación que quedaron á marxe desa narrativa.

O ámbito do amador remite a facer algo por amor. As bobinas de Bernardino de Lamas representan con claridade esta idea: pezas de grande valor patrimonial realizadas fóra das convencións narrativas e industriais.

Neste contexto, pode ser considerado un dos pioneiros do cinema afeccionado en Galicia desde a primavera de 1924.

O Premio Bernardino de Lamas nace para recoñecer e reivindicar esa outra maneira de facer cinema.

O espírito do premio

O premio non se limita a recoñecer obras ou traxectorias, senón que pon en valor unha forma de entender a creación audiovisual.

Sitúase nunha liña que prioriza a liberdade creativa, a relación co territorio e a honestidade da mirada. Entende o cinema como proceso e non só como resultado, afastándose das estruturas e dinámicas da industria convencional.

O premio no Chanfaina Lab

O legado de Bernardino de Lamas conecta de maneira natural co Chanfaina Lab. Non só pola proximidade xeográfica coas parroquias de Lamas, Ferreira e Narahío, ás que el mesmo se refería como o seu país de adopción, senón tamén pola afinidade conceptual.

O laboratorio comparte esa mesma vontade de explorar a creación audiovisual desde a liberdade, afastándose das formas narrativas establecidas para centrarse na experiencia, no proceso e na autenticidade.

O premio funciona así como unha ponte entre pasado e presente, entre unha figura pioneira e unha comunidade contemporánea que continúa a explorar novas formas de mirar e contar.


PALMARÉS

2026 | José Roberto Fernández

Na súa segunda edición, o premio foi concedido ao realizador José Roberto Fernández López (Villafranca del Bierzo, 1955), como recoñecemento a unha traxectoria marcada polo activismo no ámbito do cinema amador e pola súa fonda relación coa paisaxe e a cultura galegas.

II Premio Bernardino de Lamas, José Roberto Fernández
José Roberto Fernández

Biólogo e profesor de ensino secundario xa xubilado, residente en Valdoviño desde 1984, José Roberto Fernández iniciou o seu percorrido no cinema durante a etapa do formato Súper 8, continuando posteriormente co vídeo analóxico e dixital. Ao longo do tempo, mantivo unha práctica constante baseada na produción con medios propios e orientada á transmisión de mensaxes ambientais.

A súa traxectoria foi recoñecida con numerosos premios nacionais de fotografía, cine e vídeo relacionados coa natureza, entre eles galardóns concedidos polo Ministerio de Educación e Ciencia e polo certame de Investigación Científica e Técnica “Ingeniero Comerma” de Ferrol. Entre os seus traballos máis recentes destaca unha longametraxe documental dedicada á Lagoa de Valdoviño, exemplo da súa vontade de divulgar e poñer en valor o patrimonio natural galego.

O xurado salientou especialmente a afinidade do seu traballo co espírito libre e experimental do encontro audiovisual de San Sadurniño. No seu fallo, valorouse unha carreira comprometida co cinema de natureza, da que xorde unha ampla filmografía centrada nas paisaxes, na fauna e na flora de Galicia.


2025 | Alberte Pagán

Na súa primeira edición, o Premio Bernardino de Lamas foi outorgado ao escritor, profesor e cineasta Alberte Pagán (O Carballiño, 1965), como recoñecemento a unha traxectoria sólida e independente no ámbito do cinema experimental en Galicia.

I Premio Bernardino de Lamas, Alberte Pagán
Alberte Pagán.

Ao longo da súa carreira, Alberte Pagán desenvolveu unha obra prolífica na que abordou unha gran variedade de temas, linguaxes e técnicas, construíndo un percorrido singular a través de case sesenta pezas realizadas cos seus propios medios. O seu traballo sitúase fóra das dinámicas da industria, explorando as posibilidades expresivas do cinema desde a liberdade formal e conceptual.

O xurado destacou precisamente esa capacidade para manter unha práctica coherente, autónoma e comprometida co propio acto de crear, nunha liña que conecta de maneira directa co espírito que inspira o Premio Bernardino de Lamas.