Ir ao contido principal

Filosofía e identidade

Chanfaina Lab é un festival audiovisual único en Galicia polo seu carácter colaborativo, interxeracional e centrado na creación de novas pezas en galego. Cun forte vínculo co patrimonio, a memoria local e o rural, combina produción, formación, convivencia e experimentación nun modelo cultural singular e non competitivo.

Chanfaina Lab non é un festival competitivo nin unha mostra ao uso. É un encontro de cineastas e, sobre todo, unha experiencia centrada na creación, un espazo ao que se vén para filmar, convivir, compartir e experimentar. Como sinalan os e as cineastas: “un festival ao que se vén a realizar filmes e non a velos”.  Ao longo de tres días, creadoras e creadores de distintas xeracións, estilos e traxectorias conviven coa veciñanza e co territorio para dar forma a pezas audiovisuais únicas. Aquí non hai xerarquías ríxidas nin fórmulas pechadas: hai liberdade, risco, diversidade e unha aposta clara pola expresión individual fronte aos corsés da industria,  en definitiva, para transformar o audiovisual nunha ferramenta de encontro, creación e memoria colectiva.

Desde o principio tivemos claro que non debía ser un festival grande nin dependente de grandes recursos. Ao contrario, construíuse baixo a idea de que o pequeno tamén pode ser valioso, fértil e transformador. Esa escala humana é parte indisoluble da súa esencia. Aquí cada edición nace do compromiso co lugar, coa súa xente e coas historias que agroman da vida cotiá, da paisaxe, da memoria oral e do patrimonio material e inmaterial. E un evento interxeneracional, pois os seus participantes activos van dende os 12 aos 80 anos e participación paritaria dende o seu inicio no 2004. Ten a singularidade de potenciar o agromar e a formación de cineastas locais e, ao tempo, promover aos cineastas galegos consolidados que conviven ao longo de tres días. Esa mestura entre cinema popular e vangarda cinematográfica, entre experiencia profesional e participación comunitaria, é unha das claves que fai deste proxecto algo singular.

Os seus resultados representan a estrea mundial de aproximadamente catro horas de imaxes significativas por edición para o audiovisual galego (24-30 curtametraxes en VO galega por ano), pezas onde se mesturan a vangarda e o cinema popular constituíndo unha festa da tolerancia de xéneros, estilos, estéticas e narrativas.

Todas as pezas da Chanfainalab  poden visionarse na web de Fálame de San Sadurniño.

Cartel II Chanfaina Lab 2015