Sinopse
Unha adolescente descobre as consecuencias de abusar das tecnoloxías no seu día a día
Cociña da peza
Como en anteriores edicións podemos ollar a xenerosidade de Bieito botando un cabo no que faga falla nos traballos doutros cineastas da Chanfainalab. Desta volta, despois de darlle unha longa pensada, apostou por amosar a súa preocupación pola dependencia dos seres humanos ás tecnoloxías de comunicación: "Un día decateime de que, en calquera espazo no que haxa xente, sempre hai algunha persoa absorta no seu teléfono. E isto é independente da situación. Dá igual que sexa nunha sala de espera, nun restaurante, nun colexio, nunha festa ou incluso nun cine. Sempre podes atopar a alguén que “marchou ao plano virtual”, por moi abraiante que sexa o que estea sucedendo diante. A idea da peza naceu de querer criticar esas situacións. Démoslle voltas a posibles argumentos e, ao final, o que máis nos convenceu foi contar a historia dunha adolescente que se vai facendo máis e máis dependente do móbil e as consecuencias que iso ocasiona. Para retratar o proceso da adicción intentei darlle máis protagonismo ao teléfono co transcorrer dos meses. Ao avanzar a curta, a protagonista utiliza o teléfono máis tempo e, xogando coas distancias focais da lente, o teléfono vaise facendo máis grande no encadre. Tamén intentei retratar a “separación” entre a protagonista e a avoa, aumentando a distancia entre as cadeiras nas que se sentan, pero creo que isto non se percibe na curta final. Algo que me gustaría ter tratado na peza é explicar que é o que causa a adicción ao teléfono. De primeiras, parece que a culpa é dos usuarios, pero moitas aplicacións que usamos a diario utilizan patróns escuros co único obxectivo de crear dependencia. Tamén me gustaría tratar as consecuencias psicolóxicas que ten o abuso das redes sociais, pero coido que é un problema bastante complexo."
"(Des)conexión" é unha oportuna chamada de atención dun mozo cara ao utilización compulsiva das redes sociais por parte das persoas adolescentes, mais non só eles: "O meu obxectivo con esta curta era invitar ao espectador a reflexionar e identificarse coa protagonista, sobre o abuso das tecnoloxías, afectando aos estudos, ao traballo ou ás relación persoais. Cada vez temos unha maior dependencia de internet e das redes sociais, chegando mesmo a sentir os efectos da abstinencia se pasamos un anaco sen “conectarnos”. Comunmente, este problema atribúese aos adolescentes, pero xa podemos percibir que é como unha “epidemia” que afecta a persoas de todas as idades. Creo que a peza consegue transmitir isto, aínda que só parcialmente. Como a protagonista é unha adolescente, a curta reforza o tópico de que o problema só lle afecta aos máis novos e á sociedade en xeral. Aínda así, estou contento co resultado e, sobre todo, co proceso. Nesta edición, a diferenza das curtas anteriores, empecei a darlle voltas á idea uns meses antes de setembro, polo que lle puiden dedicar máis tempo á historia, ao guión e ao storyboard. A gravación tivemos que pospoñela ata o Nadal, mais conseguimos rematala en tres días grazas a que secuencias e planos xa estaban pensados".
E ise traballo previo nótase. O resultado final, ademais de invitármonos a reflexionar sobre un tema de candente actualidade, representa un chanzo significativo na evolución do cineasta de Bardaos, pola funcional posta en escena e solvencia narrativa, cun acaído manexo do tempo e da elipse. Asemade sacoulle un gran partido as súas actrices noveis, Bea Ferreira e Fina Fernández.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Guión
- Ana Balsa
Galería
