Sinopse
Unha fin de semana en Naraío deu nalgo “celestial” grazas a Gelis. Poderes que xurden do ceo e da terra, o "temor de Deus" e a influencia da igrexa no cotidiano móstranse con desenfado a través das relacións e vivencias desta muller brava".
Cociña da peza
Marta achegouse á Chanfaina coa intención de abordar a historia dunha muller: "Despois de ler e escoitar moitas das historias de mulleres que aparecen no proxecto “Fálame de San Sadurniño”, un día vin a fotografía dunha moza –Gelis- sentada nun coche nos anos 60 que provocou o meu interés por coñecela. Ese foi o punto de partida da miña peza. Logo comezamos a conversar ao pé da fonte de San Roque en Naraío e alí o seu escepticismo retranqueiro ganoume definitivamente o corazón. A verdade que é unha muller incrible e fíxome pasar uns días marabillosos. Lembro que soaron as campás da Igrexa, saíu o cura José María Ladra e varias veciñas, entre elas Lucita. Tamén observaba as mazás da parroquia aniquiladas pola avespa velutina e como sempre me interesou a influenza da igrexa na vida cotián das xentes, o tema do filme agromou de xeito natural. Conectei todo isto cunha cita da Biblia sobre as pragas divinas: "E o teu Deus enviará incluso avespas para destruír aos que quedasen" e logo vin a posibilidade de unir as avespas e a relixión de xeito irónico".
"Deuteronomio 7:20" invítanos a percorrer algúns recunchos dos arredores de Naraío da man de Ángela Puentes. A cámara de Marta visita relaxadamente a parroquia na procura de anacos de realidade ou trazos visuais do tempo detido: os poderes do cura José María Ladra, a saída fashion da misa parroquial, as persoais ideas e lembranzas de Gelis ou o poema recitado por Lucita na casa familiar. Tod@s eles e elas como representantes dunha comunidade que vive baixo da ameaza visual e sonora de molestos insectos alados, convertidos en castigo divino pola perda da fe relixiosa na sociedade contemporánea.
Marta tece con agarimo e delicadeza o seu filme, paseniñamente, de xeito natural, ateigándoa con toques retranqueiros de humor intelixente e sen pretender en apariencia ningunha mensaxe trascendente, mais ofrecendo un punto de vista singular e orixinal que se dirixe directamente á cabeza do espectador. Como asegura con ironía a propia cineasta: "que cada un saque as súas propias conclusións".
“Deuteronomio 7:20”, de Marta Piñeiro, primeira estrea virtual do Chanfaina Lab
Equipo
Dirección
Galería
