Sinopse
A memoria habita. Nas paisaxes de San Sadurniño resoa o eco dos que os habitaron
Cociña da peza
Ángel Rueda xa participara na 2º Chanfainalab como colaborador da cineasta Ana Domínguez na produción de "Brío". Xogaba pois con certa vantaxe porque xa tiña algunha idea das características paisaxísticas e humanas do noso territorio. Por outra banda, a traxectoria como cineasta experimental e a súa paixón polos materiais de arquivo levárono case inevitablemente cara o fondo de armario de "Fálame de San Sadurniño": "A invitación para realizar unha peza dentro do 4º encontro de cineastas " Chanfaina Lab" pareceume unha magnífica oportunidade para poñer en valor ese magnífico traballo de investigación, documentación e memoria que se está realizando desde o Concello de San Sadurniño co proxecto " Fálame de San Sadurniño", dirixido por Carmen Suárez e que hoxe en día é un referente, recoñecido internacionalmente con diferentes galardóns."
"Narahío" proxectouse como unha performance visual combinando imaxes dixitais con tomas feitas en soporte cinematográfico e proxectadas na mesma pantalla. Na proxección da estrea, combinábanse imaxes actuais con imaxes e sons analóxicos do arquivo de "Fálame", conformando un díptico novidoso no que se establecían relacións dialécticas entre o presente e o pasado, as texturas fotoquímicas e dixitais, un fresco estimulante, experimental e moi traballado que procura reflectir a esencia do que fomos e somos no devalar do tempo. Malia que o título alude a unha das parroquias do Concello, o protagonismo é de todas elas, posto que fotografías e e filmacións pertencen a distintas épocas e lugares do territorio.Así o explica o seu director: "Propúxenme mergullarme no arquivo, sobre todo nas fotos faladas e así sobrevoar a memoria recuperada, para crear un collage onde os testemuños e as fotografías fosen protagonistas dun espazo imaxinado, Narahío, que toma o nome dunha das parroquias de San Sadurniño pero que se expande pola paisaxe e vai máis aló dos seus límites xeográficos e territoriais cara unha memoria que transita do particular ao colectivo. Con estes elementos quixen construír un relato onde o arquivo convértese en personaxe vivo que aínda resoa nos espazos habitados para ir máis aló do recordo ou a memoria e xerar un novo diálogo entre a imaxe e o rexistro falado, entre o visto e o oído". Para @s que colaboramos en "Falame" é un orgullo e un honor que un cineasta traballe con eses anacos vivos de espazo e tempo, espallados polas 1.000 historias publicadas. Grazas, Ángel por agarimarnos no corazón.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Equipo
- Ana Domínguez
Galería
