Sinopse
Unha historia sobre a avaricia e a corrupción dentro da Igrexa. Unha rapaza ten o propósito de gañar cartos coa axuda dun crego que desafía a Deus predicando a través do mal exemplo, pero a medida que ve a posibilidade de acadar o que procura, os seus principios e valores desaparecen acabando dominada pola cobiza. Quen predica o cumprimento dos mandamentos é o primeiro que os quebranta. O crego e a ovella negra do rabaño son a mesma persoa
Cociña da peza
Kevin é un mozo que leva participado en varias edicións da Chanfainalab con destacadas actuacións diante da cámara como ten demostrado dabondo en Un ninguén máis (2019) Curmáns (2020) ou Breixo (2018). Pero desta volta decidiu colocarse detrás da cámara: "a miña peza inspírase nunha obra de teatro modificada e mellorada ao longo de case dous anos. Abel Vega, o protagonista, tivo un nivel de implicación dun 100% desde o principio. Implicouse tanto que ata tiña preocupado á muller, porque se pechaba no garaxe para ensaiar e interpretar cada escena á perfección, sen esquecer ningunha palabra, xesto e movemento, como un gran profesional. Para min esta é a miña primeira curta como director, dirixir foi unha labor complicada pero reconfortante, xa que paga a pena estar ao outro lado e probar novas cousas"
"Navia" bebe tanto nas fontes do teatro popular galego como da comedia negra. Kevin é un gran amador de "Lucky" de John Carroll Lynch ou "No es país para viejos" dos irmáns Coen. Arumes dese ronsel percíbense na posta en escena esperpéntica e desbocada que destila a peza por momentos. "Eu penso que é unha historia entrañable e á vez dura porque fala constantemente da avaricia, facendo guiños á corrupción dentro da igrexa. Incorporando gran parte da filosofía de vida do protagonista, o seu enxeño e a súa habilidade musical no acordeón. "Navia" é en definitiva unha comedia dramática. Coidando cada momento cunha calidez e sinxeleza que desarma, e de algún acerto na posta en escena que penso quedou resultón.
Equipo
Galería
