Sinopse
Seguimos moi de preto a preparación do prato máis recoñecido de Marina Gudín: o caldo
Cociña da peza
Como en anteriores edicións podemos ollar a xenerosidade de Bieito botando un cabo no que faga falla nos traballos doutros cineastas como "O pano de seda" de Kevin Lorenzo ou "Xangal, detective paranormal" de Xoán R Caridad. Desta volta, despois de darlle unha longa pensada, apostou por homenaxear ao prato estrela da súa infancia e adolescencia: o caldo da súa avoa Marina: "Para esta edición do Chanfaina LAB intentei partir dunha idea concreta e non lanzarme a gravar sen ter nada planeado. En setembro tiña a idea dunha curta de ficción que involucraba as protestas polos parques de macroeólicos, pero non avancei moito, así que decidín cambiar a unha idea máis sinxela. Despois de moitas voltas, pensei en facer algo coa familia, e ocorréuseme retratar a elaboración dun prato de gran relevancia na nosa familia: o caldo de miña avoa Marina. Nun principio, a curta ía comezar cunha escena para motivar a preparación do caldo. A escena, cun carácter cómico, involucraría a miña irmá chegando da escola e dicíndolle á avoa que tiña ganas de caldo e que a ver cando o podería preparar. Chegamos a gravala, pero ao final decidín eliminar a ficción e enfocarme na preparación da receita. Para os planos dende ópticas "peculiares" (como o plano picado dende o reloxo) inspireime na serie Breaking Bad (que volvín a ver por segunda vez hai uns meses). Na serie, este tipo de planos aparecen en numerosas ocasións, e persoalmente gústanme porque reforzan a idea de que o espectador é simplemente un observador. Respecto ao son, estiven valorando se utilizar música de fondo, pero non conseguín atopar nada que me convencese e decidín deixala só nos créditos finais".
"O caldo de Marina" é un potente exercicio narrativo cun punto de partida aparentemente sinxelo: a elaboración dunha pota de caldo. Mais Bieito vai o gran e debulla sistematicamente, plano a plano, todo o proceso gastronómico con sinxeleza de medios, mais cun dominio da elipse que converten esta peza nalgo singular e que para Bieito terá un longo percorrido no devalar da súa vida: "A miña intención con esta peza era retratar dende moi preto a forma na que miña avoa elabora o caldo para preservar o coñecemento, e tamén para homenaxear a relevancia deste prato na nosa familia. Non buscaba crear unha video-receita, senón proporcionar un punto de vista de observación do proceso. Por suposto non é imposible aprender a elaborar a receita de Marina a través da curta. Persoalmente creo que os documentais ás veces poden facerse "pesados", por iso intentei darlle ritmo mediante planos dende ópticas extravagantes e cambiando de plano con bastante frecuencia. En xeral, estou bastante satisfeito co resultado". E non é para menos, porque estamos diante dunha peza fermosa, sólida e madura, como un gran documental que, ademais, mantén ese punto de humor retranqueiro tan característico de Bardaos para que o público remate cun sorriso.
Equipo
Dirección
Música
Kevin MacLeod (incompetech.com)
Galería
