Sinopse
O director dunha coñecida empresa envía a un dos seus empregados de confianza a unha casa abandonada e arrepiante, coa escusa de ir á procura dun obxecto do pasado... Mais, pode que as intencións do xefe non sexan tan claras.
Cociña da peza
Bieito e Sebas debutan nesta edición da Chanfaina apostando pola ficción narrativa: "Como somos novos nesto, non sabíamos moi ben qué facer, o único que tiñamos claro é que queríamos facer algo diferente, vimos os filmes das anteriores edicións e apostamos polo xénero de suspense e o terror. Andabamos na procura dunha casa abandonada e Sabela ensinounos un vello caserón que nos gustou como escenario. Alí topamos algunhas cousas vellas como unha radio e sobre todo un libro, ao que convertemos no punto de partida do noso relato. O libro é o motivo perturbador que utilizamos para que se desenvolva a historia e trama do personaxe principal, só nun decorado devastado, posiblemente habitado por entes descoñecidos e maléficos. Logo fomos gravando planos- algúns similares aos da película "Rec" que nos mola moito aos dous- e xogamos un pouco coas posibilidades que nos ofrecía a localización para tentar crear un filme de terror".
Dentro das pezas filmadas para a Chanfainalab, abundan os documentais e as miradas de autor. "O libro" é un intento de narrar ficción de xénero dende o punto de vista dos novos cineastas cunha historia moi axeitada para eses días de Entroido. No día da estrea gustoulle especialmente aos espectadores máis novos. Bieito e Sebas xogan cos recursos expresivos do xénero de terror sen prexuízos: a cámara subxectiva, escenografía aterradora e macabra, iluminación e atmosfera expresionista, a ocultación de información e a sorpresa-susto. Os cineastas locais saen airosos do envite, manexando con habilidade os códigos do xénero a pesares da súa xuventude e xa agardamos con impaciencia que volvan con novas propostas nas sucesivas edicións da Chanfainalab.
Na fotografía de Cesar Galdo, Sebas e Bieito na localización de "O libro"
Sebas e Bieito métennos o medo no corpo
Equipo
Dirección
Música
Sebastian Rodriguez
Galería
