Sinopse
É un conto infantil dirixido á xente máis pequena da casa que reflicte unha das realidades que padecen moitas aldeas de Galicia hoxe en día: a falta de nenos e nenas
Cociña da peza
Para Ary a maternidade representou un fito decisivo na súa traxectoria e condicionante na elección do tema para a súa peza para a Chanfainalab: "Dende que fun nai, a miña relación co mundo cambiou bastante e a miña mirada estase a transformar mesmo na maneira de interpretar o entorno que me rodea. Agora trato de volver percibir a realidade tras os lentes dunha nena e dende unha distancia moi próxima ao chan. A miña fonte de inspiración diaria é Briana, a protagonista da miña nova vida, e tiña claro que quería facer con ela esta curtametraxe. Seu pai colaborou tanto coma min e froito dese traballo en equipo naceu unha sinxela historia que pensa no público infantil e nos seus soños e necesidades básicas: o amor, a atención, o xogo, a amizade… ao tempo que denuncia a situación actual de despoboamento que está a padecer o rural galego.
Durante o proceso de creación, houbo que ter en conta a psicomotricidade da protagonista; había pouco que aprendera a camiñar e iso condicionou a filmación Ademais, gravar cunha nena pequena non é doado, posto que non adoita parar máis de cinco segundos nunha mesma postura. Un exemplo disto último foi que, nas tomas de lectura, tivemos que colocarlle anacos de pan nas páxinas para entretela e que non tivera a tentación de levantarse e correr cara á cámara.
"O soño de Lía" é unha peza que bebe nun xénero que, polo momento, a chanfainalab apenas frecuentou: o cinema infantil, dende a perspectiva persoal e familiar: "Considero que o resultado quedou decentemente ben, tendo en conta a miña escasa experiencia en rodaxe, e os medios técnicos elementais cos que foi producida -unha cámara Canon Eos M50, un móvil e un MacBook- Por outra banda era a primeira vez que dirixía a unha nena pequena nun tempo limitado para gravar e montar. A miña idea era trasladar aos espectadores sentimentos de dozura e melancolía a través da imaxe, a música e a narración. Tras a estrea, recibín varias felicitacións por parte do público, que coincidiu en sinalar a realidade descrita pola curta: a falta de nenos e nenas nas aldeas". Estamos seguras da emoción de Briana cando, pasados uns anos, esta peza forme parte da súa vida.
Equipo
Dirección
Galería
