Sinopse
A difusa liña entre a realidade e a paranoia. As sospeitas poñen ao límite ao protagonista xerando unha obsesión sen control que o leva a alcanzar o propio punto de ignición
Cociña da peza
Angela desenvólvese no audiovisual coa mesma metodoloxía que abrocha da súa curiosidade científica, experimentando sempre cousas novas e aproveitando calquera oportunidade para participar xenerosamente nas pezas doutros cineastas participantes. Nesta 9ª edición xestionou con eficacia -xunto con Kevin Lorenzo- a área de casting e localizacións, integrándose no equipo de cociña da Chanfainalab. Asemade participou en labores técnicas noutras curtas como "No tempo dos escapados" do colectivo Teño unha horta, "A gatiñeira de San Sadurniño" de Fernando Cortizo; "Mírame" de Kevin Lorenzo, "Solposto" de Iago Lourido ou "Maldito espírito" de Carlos Martínez-Peñalver: "A chispa inicial para a elaboración de “Punto de Ignición” xurdiu a partir dun elemento corrente pero suxestivo: un plástico protector usado para cubrir mobles ao pintar. En moitas ocasións desenvolvo as ideas a partir dun obxecto ou elemento que me suxire algo interesante, como a marquesiña en “Porte exprés”” ou as sombras en “Síntese”. Neste caso, a textura e movemento do plástico evocoume dunha escena onde a percepción do protagonista se distorsiona, mergullándoo nun estado de paranoia. A partir dese punto, construín a idea dun personaxe atrapado entre a realidade e a súa propia mente. Por outra parte, a translucidez do plástico provocoume a reflexión sobre a interacción coa luz, derivando no xogo coas luces na escena do coche. O outro coche que se achega de fronte, ilumina ao protagonista e indica o seu transporte a un espazo de percepción alterada. Logo engadín o previo fallo da radio do seu coche, sobre o que non se chega a saber se é un problema técnico do propio aparato ou un reflexo do seu estado mental, creando unha atmosfera de incerteza. Para dar cohesión á narrativa e situar ao espectador, incorporei a escena da mensaxe no móbil, que serve como ancoraxe á súa realidade ao interactuar co seu irmán. O proceso de creación foi como tirar dun fío, no que unha idea levou a outra de xeito moi fluído."
"Punto de ignición" é outro novo chanzo da procura e indagación nas posibilidades da linguaxe audiovisual realizadas pola cineasta de Naraío. Nesta ocasión enfrontándose con solvencia aos códigos e a narrativa do cinema de suspense: "Sei que esta peza afástase das creadas en edicións anteriores, pero coa que continuo a explorar temáticas e formatos distintos aproveitando a oportunidade que brinda a Chanfainalab. Creo que a curta final conseguiu articular de maneira satisfactoria todos os conceptos e propostas que xurdiron durante o seu proceso de creación. Agardo que “Punto de ignición” resulte de interese para o espectador e que por momentos o faga dubidar se está a ver a realidade na que vive o protagonista ou a realidade da mente do protagonista". A creadora Ángela Arnosa volve a sorprendernos co seu selo único e orixinal que só pode agromar da mirada inqueda dunha científica e poeta ao tempo.
Equipo
Dirección
Reparto
Galería
