Ir ao contido principal

A pena dos tres pés

Abel Vega

II Chanfaina Lab2015

Entre a néboa do Forgoselo, a Pena dos tres pés ergue a súa memoria pétrea como un antigo lugar de encontro e misterio.

Duración
Localización
Igrexafeita

Sinopse

Unha viaxe cara á mítica “Pedra dos tres pés” que delimita os Concellos de San Sadurniño, A Capela e As Pontes".

Cociña da peza

"A pena dos tres pés" é unha viaxe na procura duns penedos especiais ao carón do lugar de Castro (Igrexafeita) ubicados na Serra do Forgoselo, ateigada de pedras con nomes propios. A pena é unha curiosa rocha, capricho da erosión que, segundo algúns, marcaba a divisoria entre tres concellos e de seguro debeu ter carácter simbólico e máxico para os nosos devanceiros por mor da súa forma peculiar: "Escoitara falar dela a uns veciños que a acordaban de toda a vida alí e díxenme: "eu quero vela". Fun alí e gustoume moito. Como eu tento facer os meus vídeos sobre lugares pouco coñecidos, pensei que sería boa cousa dala a coñecer aos veciños e animalos para que suban a visitala, porque é moi doado o acceso, -mesmo pódese ir en zapatillas- . Tentei transmitir a beleza dalgo que estaba aí antes de que naceramos, dende o principio dos tempos, e que é un monumento natural fora do normal. Da gusto vela e leva con nós, en Igrexafeita, toda a vida".
Asi pois, preparémonos a viaxar ao centro do Forgoselo, enxergados nunha paisaxe brava e telúrica, un mosaico de ecosistemas cheos de diversidade. Da man da cámara e a voz de Abel coñeceremos un fito do patrimonio natural de San Sadurniño aínda descoñecido para gran parte da veciñanza. Resolta practicamente nun único plano secuencia, o cineasta de Igrexafeita fai a videocartografía dun espazo que debería figurar nas guías de lugares máxicos de Ferrolterra. Este filme é unha invitación ao coñecemento e descuberta de territorios marabillosos que están preto dos nosos ollos, mais que non vemos habitualmente. Abel sentiríase moi orgulloso se conseguira que a "Pena dos tres pés" recuperase a función orixinal que debeu ter hai miles de anos nos tempos do megalitismo: un espazo de encontro e referenza da comunidade.

Equipo

Dirección

Pena dos tres pes