Sinopse
O son da ausencia, os ecos do pasado, a vida entre recordos, a importancia do que nos une, unha vida entre badaladas
Cociña da peza
Dende a primeira edición da Chanfainalab, quixemos contar coa presenza dun dos cineastas máis sobranceiros de Ferrolterra. Rubén coñece ben o noso territorio, pero levaba varios anos centrado na súa faceta de promotor e produtor musical, aínda que tiña no corazón a ansia por recuperar de novo a creación audiovisual: “A verdade é que levaba varios anos organizando espectáculos e concertos ou xestionando a sala Super 8 de Ferrol e nunca tiven a ocasión de achegarme ate Sansa. Por iso, a experiencia da Chanfaina supuxo tamén un reencontro comigo mesmo, ademais de poñerme a proba. Inspireime en principio na canción "Show Me The Rain" dun grupo local que adoro dende hai anos: a banda de San Sadurniño, Sandford Music Factory. A peza pretende representar as vivencias do día a día por mor da perda dun ser querido en formato de videoclip. Despois, estando xa en Sansa, o son das campás da igrexa de Santa María inspiroume para rexistrar as badaladas como unha metáfora de que a vida continúa tamén día a dia a pesares de todo. A ollada aos ecos dunha vida que non existe e está preto de perderse na memoria e as campás que resoan dentro de cada un de nós e os sons que rexen o devalar cotián da veciñanza nos espazos comúns".
"Badaladas de vida e morte" resulta unha peza evocadora, ateigada de melancolía que fala das músicas e das campás, ambos ademais como caras dunha mesma moeda: a ficción con actores coñecidos e o documental que pon luz sobre o traballo do campaneiro de Sansa, Xesús Rivas. “A música, o tic tac e os sons das badaladas son os fíos que unen a ficción coa realidade: o que vemos e o que perdemos. A nivel formal fun directamente á representar a idea básica coas imaxes, de xeito lineal, sen artificios formais e cos menores recursos posíbeis. Penso que está ao alcance de calquera espectador/a". Esta é unha peza fermosa e orixinal, ateigada de suxestións sutís que nos ofrece a partes iguais lirismo e memoria a partires da melancolía da perda. Semella que Rubén Coca está en plena forma
Equipo
Dirección
Música
Sandford Music Factory.
Galería
