Sinopse
Sen que ninguén saiba cómo, unha colonia de dinosauros irrompe nun monte de San Sadurniño, sementando o terror. A veciñanza indefensa agarda a axuda... Chegará a tempo?
Cociña da peza
Por razóns laborais, Roberto non puido estar connosco nos días da Chanfainalab, aínda así encargouse da fotografía "Decides que o matrimonio". Mais desta vez non quixo deixar de participar cunha curta propia: "A idea xurde da miña fascinación polo cine de ciencia-ficción e catastrófico. Sempre quixen facer cine de este estilo e a miña peza está claramente influenciada pola saga Jurassic World. A curta tenta recrear unha invasión xurásica no concello de San Sadurniño. Dada a complexidade técnica da idea orixinal, de integrar dinosauros 3D animados con vídeo real, as dificultades foron moitas, dende axustar a distorsión da lente da cámara real coa cámara virtual para que a composición final fora coherente, a iluminación dos obxectos 3D o máis aproximado posible a escena real, a propia composición dos fotogramas, e por suposto a animación do esqueleto dos dinosauros. Na introdución faise referencia a unha invasión ben coñecida polos veciños, a das velutinas, que serve como abertura dunha invasión máis terrorífica. Os velociraptores avanzan imparábeis dende o monte ata o núcleo urbano durante o día e pola noite chega un Tiranosaurio Rex. A peza remata cunha mensaxe de esperanza."
"Monte xurásico" é un traballo moi complexo de Roberto no que debeu de empregar máis de 100 horas para rematalo. Hai que gravar a imaxe real, logo facer as animacións paso a paso para integrar finalmente imaxe real e animación: "Unha das razóns polas que escollín meterme neste lío -que hipotecou moitas horas do meu lecer- era demostrar que con software libre e gratuíto tamén se poden facer cousas complexas. As veces, vemos no cinema grandes superproducións en 3D realizadas con todo tipo de medios técnicos; esta é unha peza modesta, pero non gastei un patacón en equipos ou licencias. Calquera pode facelo. O único gasto é o tempo." Así pois preparémonos para unha emocionante e divertida invasión de bichería dende os montes de Ferreira. Dende a organización da Chanfaina quedamos en débeda por este atracón de curre que levou o artista visual de San Sadurniño.
Equipo
Galería
