Sinopse
As primeiras civilizacións xurdiron vinculadas ao uso do arado na agricultura. Os arados arrastrados por animais de tiro aumentaron enormemente o tamaño das colleitas. En San Sadurniño, eran os bois os animais empregados para arar os campos. Fai anos que xa non é así. Abel visita as ruínas da casa na que naceu e atopa un arado que decide recuperar
Cociña da peza
Domingo achegouse a San Sadurniño coa idea expresa de filmar sobre o arado: "A idea orixinal era facer un paralelismo entre a agricultura e o cinema; entre cultivar un terreo para facelo fértil e filmar unha película nun determinado territorio. Dalgún xeito estas dúas actividades producen unha transformación e fomentan cambios. Estaba a pensar por exemplo na rodaxe de "Sempre Xonxa" (Chano Piñeiro 1989) e o que significou para Petín, o meu pobo. Cada vez que visito de novo a película non deixo de emocionarme vendo a xentes de Valdeorras en moitas escenas. Para a miña curta precisaba dun terreo e dun cabalo. A miña aportación era o arado e a man de obra. Os cabalos que atopamos estaban máis adestrados no pasto e no paseo que nos labores agrícolas, así que foi preciso reformular a idea orixinal. Optei por facer unha homenaxe ao arado coma elemento de importancia na transformación social das primeiras comunidades agrícolas, e que agora está sendo reconvertido nun elemento decorativo. O uso da voz de Abel Vega foi case unha obriga. Coñecía as curtas que tiña feito para o Chanfaina e foi o meu guía na procura de localizacións. A súa forma de narrar tiña que estar na peza"
"O arado" é un documental que pretende render homenaxe a esta ferramenta que tanto significou na creación da civilización e nos devanceiros de Sansa. "Desde o punto de vista persoal, o arado é para min un elemento da miña infancia. A imaxe do meu pai, nos meus primeiros anos de vida, vai moi ligada a un arado. En concreto ao arado que aparece na curta. A idea orixinal era outra pero na creación audiovisual, ao igual que na agricultura é preciso adaptarse ás condicións do momento". Porén, o experimentado cineasta petinés foi quen de darlle un aire de "gran documental" que nos transporta ás orixes da agricultura; o resultado final obríganos a remirar e a coñecer a transcendencia de ese humilde trebello dende os comezos da humanidade.
Equipo
Galería
