Sinopse
Cómo era unha casa de aldea na parroquia de Igrexafeita
Cociña da peza
Nesta edición colaborou -como todos os anos- na organización da Chanfainalab, axudando aos cineastas no que podía, dende a localización e produción, ata o reparto e interpretación noutras pezas como en "Breixo" de Javier Seoane. Tamén asistiu ao curso de iluminación básica impartido por Alberte Branco e ao de gravación de son de Carlos Suárez. Mais nesta edición, en lugar de facer as xa clásicas videocartografías da paisaxe ás que nos ten acostumados, apostou por adentrarse no interior dunha casa: "Eu quería contar cómo era unha casa como as de antes e cómo se vivía alí. De feito, eu de pequeno coñecín moi ben esa forma de vida. Vivín nuha casa moi similar: unha cociña co chan de terra que se varría cunha xesta. Co lume da lareira e o teito afumado. As vacas comían xunto a min doutro lado da mesa. Tiña unha bombilla e unha radio na cociña e pouco máis. Non había auga corrente, nin cuarto de baño. E así vivín ata os 20 anos. Andiven na procura de casas similares, pero que non estiveran en ruínas, mais xa quedan moi poucas. Ao final topei unha que me podía valer dun familiar, que por certo estivo habitada ata hai ben pouco e ademais coñecía dende neno, dende que teño sentido e memoria."
"Unha casa de aldea" é outra videocartografía gravada ao estilo "abeliano" no que a cámara percorre un espazo con valor emocional para o veterano cineasta, mentres grava sincronicamente a súa propia voz describindo o que o espectador está a ver -e as veces con comentarios moi ocorrentes-.O cineasta de Igrexafeita válese da súa espontaneidade cunha cámara "mercada en Alcampo que lle custou 99 euros” converténdose literalmente nos ollos do espectador; cunha mirada limpa e plena, ateigada do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega. Este veciño bo e xeneroso, comprometido coa memoria e transmisión cultural do seu xeito de vida, insiste en que vexamos o seu documental como achega á memoria colectiva e ás xeracións máis novas: "Tiña a idea de amosar aos máis novos cómo era a vida antes. Porque moita xente de hoxe non sabe ben o que era unha casa de aldea e cómo se vivía nela." Reflectir a autenticidade e a verdade: este segue a ser o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar na Chanfainalab ata que o corpo aguante.
Equipo
Dirección
Galería
