Comezan as estreas virtuais do X Chanfaina Lab

Vinte días despois da exitosa gala de estrea celebrada na Casa da Cultura de San Sadurniño, o X Chanfaina Lab inicia as estreas en liña. Durante a gala, conducida con humor e complicidade por Isabel Blanco e Kevin Lorenzo, puidéronse ver vinte pezas que abranguen desde a ficción ao documental ou o experimental, nunha mostra da diversidade característica do espírito chanfaineiro. Pasado ese primeiro encontro coas pezas, chega agora a quenda de velas na rede.
Vinte curtametraxes durante dez semanas
Comezan así os “Venres de Chanfaina”, a cita semanal que permitirá ir descubrindo pouco a pouco os traballos desta edición. Desde hoxe e até o 29 de maio publicaranse as vinte curtametraxes, dúas cada venres, mantendo a orde na que foron proxectadas na gala.
As primeiras en abrir este percorrido dixital son Guión curta, de Bieito Beceiro, e Consulta aberta, de Kevin Lorenzo. A partir de aí iranse sumando o resto de títulos: Rachar en dous, de Area Erina; Cando a historia cobra vida, de Milagros Bará; Gripe aviar, do colectivo Teño unha horta; Cóntame a túa historia, de Carlos Amil; A Gran Porta de Kiev, de Brandán Cerviño; O ourizo, de Abel Vega; Vacas nocturnas no Forgoselo, de Gala Rodríguez e Rocío Campoy; Onde Cristo falou con Rosa, de Pablo Fontenla; Só a través doutros, de Gon Caride; Un segundo, de Ángela Arnosa; Alicia no país do esquecemento, de Irene Pin; A derradeira, do colectivo A Ringueira; A pena do trabuco, de Cruz Piñón; Saudade: unha metáfora/descrición da viudez, de Anxo Pena; Mariela, de The Sungirls; O refuxio, de Fran da Lobeira; Unha persoa, un obxecto, de Iago Lourido; e Racamonde, de NaraioMedia.
Todas estas creacións estarán dispoñibles na páxina web e canle de Youtube do Chanfaina Lab, ampliando así o recorrido das pezas. Paralelamente, as curtametraxes iniciarán a súa andaina por festivais e mostras audiovisuais tanto dentro como fóra de Galicia.
Ademais das pezas, o encontro estrea newsletter
Como novidade, o encontro de cineastas estrea tamén unha newsletter coa que se pretende compartir novidades, contidos e información sobre o encontro ao longo de todo o ano. Para subscribirse, abonda con deixar o enderezo de correo electrónico no apartado habilitado na páxina web.
O Chanfaina Lab, que xa está a preparar novidades para a undécima edición, é un espazo único de encontro e experimentación audiovisual organizado polo Concello de San Sadurniño co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.