O Chanfaina Lab leva o audiovisual ás parroquias cun ciclo itinerante
O Chanfaina Lab percorre este verán as parroquias de San Sadurniño cun ciclo de proxeccións organizado xunto ás asociacións veciñais. As sesións recuperarán pezas gravadas en cada parroquia ou relacionadas coa súa xente, nun percorrido audiovisual que servirá tamén como antesala da XI edición do encontro, que se celebrará en setembro.

O Chanfaina Lab quenta motores para a súa undécima edición cunha programación especial que, durante as próximas semanas, levará o cinema ás distintas parroquias de San Sadurniño. O Chanfaina Itinerante, un ciclo impulsado en colaboración coas asociacións de veciños e veciñas de cada parroquia, permitirá recuperar e compartir unha selección de pezas audiovisuais vinculadas directamente con cada territorio.
A proposta desenvolverase entre finais de xullo e o mes de agosto nos locais sociais das parroquias, que se converterán durante unhas horas en espazos para o encontro, a cultura e a memoria colectiva. A entrada será libre e todas as sesións comezarán ás 20:30 horas, cunha duración aproximada de hora e media.
A principal singularidade desta programación é precisamente a súa estreita relación con cada parroquia. En cada pase proxectaranse pezas gravadas nese territorio ou que teñen como protagonistas, de maneira directa ou indirecta, as persoas que viven nel. Así, o ciclo ofrece unha oportunidade para volver mirar lugares coñecidos a través da cámara e, ao mesmo tempo, recoñecer nas historias e nas imaxes a persoas, paisaxes e vivencias que forman parte da identidade de cada parroquia.
A selección das obras busca tamén recuperar pezas destacadas de diferentes edicións do Chanfaina Lab e achegalas de novo ao público, pero facéndoo desde unha perspectiva próxima e local. O resultado será un percorrido audiovisual polas parroquias de San Sadurniño a través das historias que se foron construíndo ao longo dos anos no marco deste encontro de cineastas.
A organización do ciclo conta coa participación activa das asociacións veciñais, fundamentais para facer posible que as proxeccións cheguen a cada parroquia e que os locais sociais sexan, unha vez máis, lugares de reunión e participación.
O calendario de proxeccións é o seguinte:
- 2 de agosto - Local social de Santa Mariña
- 7 de agosto - Local social de Lamas
- 8 de agosto - Local social de Igrexafeita
- 9 de agosto - Local social de Ferreira
- 21 de agosto - Local social de Naraío
- Por determinar - Local social de Bardaos
O ciclo itinerante será o aperitivo dunha nova edición do Chanfaina Lab
Este ciclo servirá como antesala da undécima edición do Chanfaina Lab, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de setembro. Durante esa fin de semana, San Sadurniño volverá converterse nun punto de encontro para creadoras e creadores audiovisuais con diferentes traxectorias e procedencias, unidos pola vontade de experimentar, contar historias e explorar novas formas de narrar o territorio a través das imaxes.
Co ciclo itinerante, o Chanfaina Lab amplía así o seu espazo de acción e devolve ás parroquias parte das historias que ao longo destes anos se crearon nelas, nunha programación que reivindica o audiovisual como ferramenta para coñecer, compartir e poñer en valor o territorio e as persoas que o habitan.