O XI Chanfaina Lab pon o foco nas Escolas da Migración de Ferreira

O Chanfaina Lab xa ten cartel para a súa XI edición, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de setembro en San Sadurniño. A imaxe deste ano, deseñada pola artista ferrolá Irene Ávila Carreira, toma como referencia as Escolas da Migración de Ferreira, dous edificios estreitamente ligados á historia da emigración da parroquia e ao esforzo da comunidade emigrada por contribuír ao futuro da súa terra.
Como en edicións anteriores, o cartel parte dun elemento do patrimonio de San Sadurniño para construír a identidade visual do encontro. Nesta ocasión, a mirada diríxese cara a Ferreira e as escolas "Montevideo" -Escola da Leiriña- e "Buenos Aires" -Escola da Seara-, levantadas grazas ás achegas das persoas emigradas en Bos Aires e Montevideo durante as primeiras décadas do século XX.

A historia destas escolas representa unha das moitas pegadas que a emigración deixou no territorio. A comunidade de Ferreira que marchara ao outro lado do Atlántico organizouse para recadar fondos e facer posible a construción de dous centros educativos, nun intento de que as novas xeracións puidesen ter no propio lugar as oportunidades que tantas persoas buscaran fóra. Hoxe, os dous edificios forman parte do patrimonio material e da memoria colectiva de San Sadurniño.
Esta conexión coa emigración e coa memoria do territorio enlaza tamén coa propia esencia do Chanfaina Lab, un encontro que cada ano propón novas formas de mirar San Sadurniño a través das cámaras de cineastas con diferentes procedencias, traxectorias e sensibilidades.
A autora do cartel, Irene Ávila Carreira, desenvolve a súa práctica artística arredor da creación audiovisual e das artes visuais, explorando diferentes linguaxes e formas de contar a través da imaxe. Irene participou como cineasta na IX edición do encontro e, nas seguintes edicións, colaborou co equipo de organización. Nesta ocasión, a súa mirada trasládase da cámara ao deseño para crear a imaxe que acompaña esta nova edición.
Próximamente, os e as cineastas da XI edición xunto coa programación completa
Os nomes dos e das cineastas participantes na XI edición do Chanfaina Lab coñeceranse proximamente, ao igual que a programación do encontro. Será entón cando se vaia completando o contido dunha nova edición que, un ano máis, volverá reunir en San Sadurniño diferentes maneiras de entender, experimentar e contar o audiovisual.
Durante os días 4, 5 e 6 de setembro, as cámaras volverán percorrer o territorio para descubrir novas historias e ofrecer novas olladas sobre San Sadurniño.
