Sinopse
Parodia desbocada dos programas de entrevistas "cliché" da TV; conta con numerosas referencias a éxitos populares de youtube e memes das redes; entre eles "Cando Ruxe o Formigueiro 2.0", un programa de entrevistas sobre cine con invitados que presentan as súas pezas
Cociña da peza
Como na edición anterior, Iago volveu a facer piña cos seus amigos Joam e Pablo, colaborando na curta “Xoel e Sancho Yoda". Na peza que ideou este ano, Iago volveu a enlearse coas teimas da súa xeración: "Eu polas noites adoito ver "El Hormiguero" e alí atopei cousas e momentos graciosos que me inspiraron para dar coa idea, ademais deste xeito, non só crearía un vídeo monotema, senón que, ao contar con varios autores dentro da curta, podería facer varias curtas dentro dunha. Está claro que o título é unha homenaxe a mítica curta de Abel Vega. Os problemas principais que tivemos foron encontrar o material para gravar, pero ao final conseguimos a varias persoas que nos axudaron, como por exemplo o audio, xa que non quería usar o micro da cámara porque non é moi bo, así pois conseguimos que a avoa de Catalina nos prestara o seu micrófono que ademais daba o moi ben pego para o programa."
En "Cando Ruxe o Formigueiro 2.0", Iago xunto con Pablo e Joám insiste en traballar coa materia prima do seu persoal mundo youtubeiro e nesta ocasión parodia ós programas de entrevistas e telerrealidade, cunha trama poboada de referencias ao cine, ás redes e figuras recoñecidas do entorno de Internet: "Ao mellor algunha xente non vai a entender ben certas referencias que utilizo no vídeo, especialmente quen non estea moi metido na comunidade de youtube e as súas polémicas ou memes dende hai uns anos; Un exemplo, no vídeo entrevisto ao director "IsmaelPreghocheQueCales" que presenta a curta "Cocido". Isto fai referencia ao youtuber Wismichu - chamado realmente Ismael Prego- e a película experimental que sacou a finais do 2018 chamada "Bocadillo"; se vedes o tráiler desta e o de "Cocido", veredes que teñen practicamente o mesmo enfoque de guión". Así pois, deixémonos atrapar polo fervello de ideas que saen do maxín inesgotábel deste adolescente de Naraío porque aporta frescura e xuventude ás miradas dos cineastas que participan na Chanfainalab. Ese caldo creativo, desinhibido e sen complexos que agroma na curta de Iago Lourido só precisa tempo para desenvolverse.
Equipo
Dirección
Reparto
Galería
