Sinopse
As aventuras dun cura moi especial, quen venera a deusa pagana Navia e agocha segredos inconfesábeis
Cociña da peza
Abel é unha institución da Chanfainalab. Un imprescindible pola súa bonhomía, retranca e sabedoría diante de calquera dificultade... todo vaise resolvendo. Como en todas as edicións está en todas partes, axudando a quen o precise. Para el non existe a palabra non. Neste ano participou en "Espoiler Chanfaineiro" de Fran da Lobeira "Navia" de Kevin Lorenzo, "The porquer" de NaraíoMedia e "O arado" de Domingo Díaz. Abel tíñanos acostumados a súa peculiar e orixinalísima mirada documental. Pero nesta edición quixo trocar o rexistro por enteiro: "Xa levo feito varias curtas, pero sempre detrás da cámara, así que este ano decidín poñerme diante a cámara. Para min era unha nova experiencia e en canto teña ocasión repetirei encantado sen dubidalo. A peza levoume o meu tempo. De primeiras estaba o asunto dos permisos, falei moito co cura da parroquia e orientoume a pedir unha carta ao bispado para solicitar permiso e rodar nunha igrexa, mais... todo eran dificultades; ao final falei con outra persoa que si me deu permiso e abriume as portas da capela de Santa Maríña en Naraío. Eu fora sancristán e dábaseme ben facer de cura serio, aínda que na peza tiña que facer de párroco borrachiño. Un cura que ao tempo estaba nun estado "gracioso" ou "avariado" e que tiña gardados todos os seus aforros pensando que estaban seguros baixo do santo. Tamén contei cun grupo de actores e actrices de primeira división".
"Fíate e non corras" lémbranos as pezas teatrais do teatro popular galego, nesta ocasión cun protagonista como un estereotipo que recibe as burlas dos seus parroquianos. "O que tamén penso que todo o que acontece pode ocorrer na vida real, aínda que nestes casos, a maioría da xente nunca chega a sabelo. Pretendo que a xente pase un rato divertido e que ría ás gargalladas. Non teño outra intención". Así pois fagamos caso da recomendación de Abel: gocemos da peza con humor e sen prexuízos
Equipo
Galería
