O Chanfaina Lab presenta a súa colaboración co Festival de Cans eo Cine do Eo

O Festival de Cans acollerá este mércores, ás 18.00 horas no Torreiro de Cans, a “Presentación Labs”, un encontro no que se dará a coñecer a colaboración entre o Chanfaina Lab, o Lab Cine do Eo e o propio certame porriñés a través da nova Rede FITAR (Filmes Itinerantes no Ámbito Rural). Na sesión participarán Ana Moreiras do Cine do Eo, Ángela Arnosa do Chanfaina Lab e Uxía Caride de Agapi Impulsa.
A iniciativa marca o inicio dunha nova etapa de colaboración para o Chanfaina Lab na súa XI edición. A Rede FITAR nace en 2026 impulsada por tres festivais vencellados ao territorio e á creación audiovisual emerxente: o Chanfaina Lab, o Cine Eo de Trabada e o Festival de Cans. O seu principal obxectivo é construír unha rede de exhibición cinematográfica no ámbito rural que favoreza a circulación de obras e sirva de plataforma para novos e novas cineastas.
Dous dos festivais participantes, Chanfaina Lab e Cine do Eo, comparten o modelo Lab como viveiro de creadoras e creadores audiovisuais, mentres que o Festival de Cans achega unha plataforma consolidada de visibilidade para estes talentos emerxentes. A través deste acordo, obras nacidas no Chanfaina Lab e no Cine Eo poderán exhibirse en distintas seccións do Festival de Cans. Ao mesmo tempo, o certame porriñés premiará novas creadoras e creadores cunha estadía artística tanto en San Sadurniño, durante o Chanfaina Lab, como en Trabada, no Cine Eo.
A Rede FITAR pretende así articular unha estrutura estable de eventos cinematográficos en zonas rurais, reforzando o intercambio cultural e a creación de espazos de encontro para o cinema contemporáneo feito desde o territorio.
Tras a presentación, a programación continuará coas proxeccións da sección Novas Camadas. Entre as pezas proxectadas atópase a nova creadora ou creador que participará en setembro de 2026 na XI edición do Chanfaina Lab, en San Sadurniño.
Talento chanfaineiro en Cans
Esta XXIII edición do Festival de Cans conta coa presenza de varias pezas xurdidas do Chanfaina Lab na súa programación. Na sección Novas Camadas proxectarase Unha persoa, un obxecto, de Iago Lourido, unha curta pertencente á X edición e que se estreará nesta web dentro de dúas semanas, coincidindo co último Venres de Chanfaina.
Ademais, na sección Furacáns foron seleccionadas dúas obras tamén producidas no marco da décima edición do Chanfaina Lab: Mon autre maman, de Fon Cortizo, e Danza propia, de Andrea Zapata-Girau.
A programación completa do Festival de Cans pode consultarse en festivaldecans.gal.