O XI Chanfaina Lab abre ao público dous obradoiros sobre guión e montaxe audiovisual

O XI Chanfaina Lab incorpora á súa programación dous obradoiros dirixidos a todas as persoas interesadas no audiovisual, sen necesidade de formar parte do encontro nin contar con experiencia previa. As sesións estarán dedicadas a dúas etapas fundamentais da creación cinematográfica —o guión e a montaxe— e estarán impartidas por dous profesionais con ampla traxectoria no audiovisual galego: Pepe Coira e Lucía Iglesias.
O primeiro, “Contar co cine. Unha introdución ao guión”, terá lugar o xoves 27 de agosto, de 16:30 a 21:00 horas, e estará impartido por Pepe Coira. A proposta achegará as persoas asistentes ás ferramentas básicas da escritura cinematográfica e á construción dunha historia pensada para ser contada a través do cine.
Guionista e produtor independente, Pepe Coira (Rábade, Lugo, 1963) conta cunha ampla traxectoria no cinema, a televisión e o documental. É guionista de Antes de nós (Ángeles Huerta, 2025) e creador, xunto con Fran Araújo, das series Hierro, Rapa e La canción, ademais de Ardora, actualmente en produción. Tamén participou en ficcións televisivas como Luci e As leis de Celavella.
No ámbito documental, desenvolveu series como El circo de los muchachos e Cos pés na terra, e longametraxes como Viaxe de Leslie, Eloxio da distancia, A Seara ou Beiras. Vivir2veces, estas dúas últimas tamén como director. Xunto con Gaspar Broullón e Jorge Coira formou a produtora OlloVivo, responsable de filmes como Eroski-Paraíso e O corpo aberto, así como da evocación do filme perdido Canto de emigración (Antonio Román, 1935). Ao longo da súa carreira tamén exerceu como docente, foi o primeiro director do CGAI —Filmoteca de Galicia— e traballou como crítico de cinema e televisión.
O segundo obradoiro, “Hoxe móntase! Contando historias plano a plano”, estará dedicado á montaxe e celebrarase o venres 30 de outubro, de 16:00 a 20:00 horas, con Lucía Iglesias como formadora. A sesión permitirá coñecer o proceso de construción dunha peza audiovisual a partir das imaxes gravadas e explorar como a selección, a orde e a duración dos planos inflúen na maneira de contar unha historia.
Lucía Iglesias (Santiago de Compostela, 1983) é montadora e realizadora, licenciada en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual. Formou parte dos equipos de edición de proxectos como Eroski-Paraíso, Hierro ou Rapa. O seu traballo na montaxe foi recoñecido con tres premios Mestre Mateo, o último deles pola película Antes de nós, despois de recibir anteriormente dous galardóns nesta mesma categoría.
Iglesias compaxina a montaxe coa realización de informativos e programas na Televisión de Galicia e coa súa actividade como formadora, entre outros espazos, no Festival Audiovisual Escolar Olloboi.
Os dous obradoiros forman parte da programación do XI Chanfaina Lab e están pensados como espazos de aprendizaxe e experimentación abertos á cidadanía, nos que achegarse de maneira práctica a diferentes ferramentas da creación cinematográfica.
As actividades son libres e gratuítas, pero será necesario realizar inscrición previa. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Para anotarse, as persoas interesadas deberán chamar aos teléfonos 680389054 / 636909666.
O XI Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño e conta co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da Deputación da Coruña.