O XI Chanfaina Lab reúne en San Sadurniño novas miradas sobre o territorio do 4 ao 6 de setembro

San Sadurniño volverá converterse en setembro nun espazo de creación audiovisual coa celebración da XI edición do Chanfaina Lab, que se desenvolverá os días 4, 5 e 6 de setembro. O encontro reunirá creadoras e creadores con traxectorias, idades e formas de entender o audiovisual moi diversas, que durante tres días volverán tomar o territorio como punto de partida para crear novas historias.
A undécima edición contará coa participación de Bieito Beceiro, Iván Castiñeiras, Alejandro Castro, Yago Castro, Miguel A. Delgado, Xaime Fandiño, José Roberto Fernández, Alba Gallego, Pepe García e Isa Moreno, Kevin Lorenzo, Iago Lourido e Pablo Martínez, Carmen Méndez, Olga Osorio, Cruz Piñón, Gema Rodríguez, María José Serantes, Rebeca Tella, Abel Vega, The Sungirls, Teño unha horta, Diáspora, A Rigueira, MonteZ e Proxecto Amarte.
Como en anos anteriores, a diversidade de perfís e sensibilidades será unha das características fundamentais do encontro. Xunto a cineastas con ampla experiencia participan persoas que se achegan á creación audiovisual desde outros ámbitos, colectivos e creadoras e creadores vinculados ao propio territorio. Esta mestura de perspectivas forma parte da esencia do Chanfaina Lab, que busca crear un espazo de encontro no que poidan convivir diferentes maneiras de mirar, narrar e traballar coa imaxe.
Durante a fin de semana, as persoas participantes terán liberdade para desenvolver as súas propias propostas dentro dos límites municipais. O resultado serán novas pezas audiovisuais que se incorporarán ao arquivo do Chanfaina Lab —que xa conta con 224 pezas— e que, como en cada edición, permitirán descubrir San Sadurniño desde perspectivas diferentes.
Escolas da Emigración, protagonistas da imaxe da XI edición
A identidade visual desta XI edición, como cada ano, ten como punto de partida un elemento do patrimonio de San Sadurniño, que neste caso corresponde ás escolas indianas de Ferreira. O cartel, deseñado pola artista ferrolá Irene Ávila Carreira, toma como referencia a Escola da Leiriña e a Escola da Seara, construídas grazas ás achegas das persoas emigradas da parroquia en Montevideo e Buenos Aires.
A historia destas escolas representa unha das pegadas que a emigración deixou no territorio e pon de manifesto a capacidade das comunidades emigradas para manter os vínculos coa súa terra de orixe. A elección deste elemento patrimonial conecta tamén coa propia esencia do Chanfaina Lab, un encontro que cada ano reúne en San Sadurniño persoas con procedencias, traxectorias e sensibilidades diferentes para crear novas historias a partir do territorio.
Irene Ávila Carreira participou como cineasta na IX edición do Chanfaina Lab e colaborou posteriormente coa organización do encontro. Nesta ocasión, a súa relación co proxecto trasládase da cámara ao deseño para construír a imaxe desta nova edición.

O programa do Chanfaina Lab
A programación da XI edición comezará o venres 4 de setembro ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, coa Eira de cineastas, un dos momentos de encontro máis característicos do Chanfaina Lab. As creadoras e creadores participantes presentarán unha selección dos seus filmes, permitindo ao público coñecer de primeira man as diferentes traxectorias, linguaxes e formas de entender o audiovisual que conflúen nesta edición.
Ese mesmo día, ás 22:00 horas, a Praza Ramón Díaz Raña acollerá unha proxección ao aire libre de Sirat, filme de Oliver Laxe estreado en 2025.
O sábado 5 de setembro ás 23:00 horas, o Café-Bar DZINE será o escenario dunha foliada, nunha noite pensada para continuar o encontro e a convivencia entre as persoas participantes e a veciñanza.
A programación complétase con dúas exposicións fotográficas que poderán visitarse do 4 ao 30 de setembro. No local social A Seara de Ferreira estará instalada Fálame de Ferreira. As escolas da emigración, centrada na historia destes dous centros educativos e na memoria da emigración da parroquia. Pola súa banda, a Casa da Cultura acollerá a exposición Chanfaina Lab, un percorrido pola historia do encontro e polas diferentes edicións celebradas desde a súa creación.
O programa de actividades formativas contará tamén con dous obradoiros, un centrado no guión e outro centrado na montaxe de curtametraxes. O 27 de agosto, de 16:30 a 21:00 horas, Pepe Coira impartirá Contar co cine. Unha introdución ao guión, unha proposta para achegarse ás ferramentas básicas da escritura cinematográfica. O 30 de outubro, de 16:00 a 20:00 horas, Lucía Iglesias impartirá Hoxe móntase!. Contando historias plano a plano, centrado nas posibilidades narrativas da montaxe audiovisual.
Todas as actividades serán gratuítas. Para participar nos obradoiros será necesario realizar inscrición previa nos teléfonos ou vía WhatsApp nos números habilitados pola organización: 680389054 / 636909666.
O XI Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño e conta co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da Deputación da Coruña.