O XI Chanfaina Lab afonda no proceso de creación cinematográfica da man de Pepe Coira

O XI Chanfaina Lab celebrou este xoves, 27 de agosto, o primeiro dos dous obradoiros formativos incluídos na programación desta edición. O guionista e produtor Pepe Coira foi o encargado de impartir “Contar co cine. Unha introdución ao guión”, unha sesión aberta ao público que se achegou ao proceso de escritura e construción dunha historia cinematográfica.
Ao longo de máis de catro horas, Coira propuxo unha aproximación ao guión afastada de receitas pechadas e baseada na diversidade de formas de facer cine. Para o guionista, non existe un único método válido para construír unha película, senón que cada persoa debe atopar a maneira de traballar que mellor se adapte á historia que quere contar. Neste sentido, reivindicou a idea de que “escribimos cine, non escribimos un guión”, entendendo o texto como unha das etapas dun proceso que continuará coa rodaxe e a montaxe.

A sesión centrouse nos elementos que permiten construír unha historia —argumento, personaxes e universo—, con especial atención ás personaxes e aos espazos nos que se desenvolven as historias. Coira destacou tamén a importancia de partir do concreto e da observación para atopar aquilo que pode resultar singular, así como de documentarse e aproveitar o que ofrecen os propios lugares e as persoas que os habitan.
Outro dos aspectos abordados foi o papel dos diálogos, incidindo na necesidade de non facer descansar sobre as palabras información que pode transmitirse a través das imaxes, os xestos, os silencios ou as accións das personaxes. Unha aproximación que conecta coa súa idea do cinema como unha forma de contar que permite “ofrecerlle ao espectador o que ninguén lle ofreceu”.

A actividade contou cunha elevada participación: as 15 prazas inicialmente previstas ampliáronse finalmente a 20 debido á demanda, quedando aínda persoas en lista de agarda.
O programa de formacións do XI Chanfaina Lab completarase o próximo 30 de outubro con “Hoxe móntase! Contando historias plano a plano”, impartido pola montadora e realizadora Lucía Iglesias. A sesión, dedicada ao proceso de montaxe audiovisual, será tamén aberta a todas as persoas interesadas e requirirá inscrición previa.