Ir ao contido principal

Un segundo

Ángela Arnosa

X Chanfaina Lab2025

Pechados sen saída, a verdade emerxe entre a culpa e os límites do amor.

Duración
Localización
San Sadurniño

Sinopse

Inés e Pablo quedan atrapados nun ascensor xusto despois de que el lle confese que atropelou a alguén e se deu á fuga. Sen saída física e cun tempo morto que xoga na súa contra, a conversa deriva nun pulso cada vez máis incómodo onde a verdade, a culpa e os límites do amor saen á superficie.

Cociña da peza

Como cada ano, quixen centrarme en afondar nunha das áreas do proceso de creación dunha curtametraxe. Neste caso, o foco estivo no guión, e “Un segundo” nace precisamente como resultado do meu primeiro exercicio de escritura de ficción.
O punto de partida foi construír unha historia breve, de non máis de cinco minutos, que contase cun par de xiros e mantivese unha tensión constante. Para iso, limitei deliberadamente os elementos a dúas personaxes e case un único espazo. Esta decisión permitiume poñer o peso da peza nos diálogos e no conflito, facendo que o guión fose o verdadeiro motor da curta. A idea foi transformándose a medida que avanzaba a escritura, atopando o seu ton nunha situación cotiá que, nun instante, deriva nun dilema moral.
A gravación supuxo o paso do papel á imaxe. Unha vez rematado o proceso de escritura, asumín tamén o reto de situarme diante da cámara xunto a Kevin Lorenzo. Unha tarefa nada sinxela, como descubrín, a de actuar e dirixir nunha mesma peza.
A rodaxe foi posible grazas á implicación de todo o equipo, especialmente tendo en conta as limitacións do espazo ao tratarse dun ascensor, reducido e pouco flexible a nivel técnico. A coordinación permitiunos resolver a rodaxe nunha soa tarde.
No relativo á posta en escena, optei por unha aproximación contida e realista, usando a proximidade da cámara e son propio da escena, prescindindo banda sonora.
“Un segundo” é a consecuencia dunha primeira incursión no mundo da escritura de guións de ficción e tamén da liberdade para explorar e indagar que ofrece o Chanfaina Lab.

Equipo

Dirección

Equipo técnico

Guión, Montaxe
Ángela Arnosa
Cámara, Iluminación
Antonio Fraga
Cámara, Iluminación
Bieito Beceiro

Reparto

Galería

Un segundo fotograma