Sinopse
A complexidade social dun niño de avespas responde ás ameazas da intrusión humana.
Cociña da peza
Abel é unha das pedras angulares da Chanfainalab; como todos os anos axuda aos cineastas no que pode, dende a localización e produción ("Alí sentíame eterna", "Con ollos de xigantes"), ata o reparto e interpretación noutras curtas como en "Curmáns", "A casa soñada", "Decides que o matrimonio" ou "Qué pasou ?". Tamén asistiu ao curso de fotografía 3D (Anxo Santomil) e montaxe (Sandra Sánchez). E coma sempre as ideas xorden da súa curiosidade infinita:"A idea veume cando estabamos nos días da Chanfaina en setembro e entereime que unha ducia de avespas atacaran na cabeza ao cuñado de Secundino (o alcalde). Eu sempre vivín na aldea e vin moitos niños de avespas, pero nunca lles fixera caso e non sabía cómo vivían debaixo da terra. Entroume a curiosidade de saber cómo traballarían alí debaixo. Cómo sería a súa vida... Fun ver si aínda seguía alí o niño, mais xa non estaba, así que púxenme a buscar polo monte ata que topei este".
"A casa de barro e saliva" é outra videocartografía gravada ao estilo "abeliano" no que a cámara percorre un espazo -con valor emocional para o veterano cineasta- ou un microcosmos natural, mentres grava sincronicamente a súa propia voz describindo o que o espectador está a ver -e as veces con comentarios moi ocorrentes-. O cineasta de Igrexafeita válese da súa espontaneidade cunha sinxela cámara coa que rexistra literalmente a vida, converténdose nos ollos do espectador; cunha mirada limpa e plena, ateigada do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega. A curta desta edición é un magnífico exemplo de cine directo, resultando unha aventura emocionante e atrevida: "Quero insistir que as avespas son perigosas; o que fago no vídeo non lle lo recomendo a ninguén; aínda que ía protexido cheguei a ter medo. As cousas pódense poñer moi feas porque as avespas saen e atacan, aínda que morran". Reflectir a autenticidade e a verdade: este segue a ser o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a filmar ata que o corpo aguante. A Chanfainalab non sería o mesmo sen a súa xenerosa e imprescindíbel colaboración ano tras ano.
Equipo
Dirección
Galería
